Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

En Vilatuxe (tamén) houbo represión

O 8 novembro de 1936 foi detido pola Garda Civil o veciño de Vilatuxe Antonio Jar Dobarro, coñecido como Barbote, concelleiro da corporación municipal de Lalín e presidente de Izquierda Republicana. Jar ingresou na cadea de Lalín e, logo de sufrir case sete meses de prisión, foi xulgado en Pontevedra polo delito de "oposición al Movimiento Nacional". Absolto "por non atopar probas suficientes", impuxéronlle unha multa de 20.000 ptas. por ser "militante extremista". Como non a podía facer efectiva, procederon ao embargo dos seus bens. Segundo di Valentín Paz-Andrade, Antonio Jar estivo "esgueirado á morte" e salvou de non ser paseado, como lle aconteceu ao seu amigo o mestre Manuel Guillán Abalo, que estaba pasando uns días en Soutolongo e foi asasinado na Estrada o 9 de outubro.

Lembrei este episodio a raíz dun titular do FARO DE VIGO do domingo que dicía "En Vilatuxe no hubo represalias al acabar la guerra". Correspondía a unha entrevista cun veciño que lembraba algúns episodios acontecidos na parroquia nos anos da guerra civil e da posguerra. Esta maneira de contar o pasado fíxome reflexionar sobre como o franquismo logrou inculcar na mentalidade da xente un relato que borrou a represión da guerra, da posguerra e dos anos da ditadura, e como ese relato perdura aínda na memoria da xente, porque non se fixo xustiza coas vítimas.

Claro que houbo represalias en Vilatuxe, como en todas as parroquias da comarca de Deza e de Galicia. E, se ben é certo que nalgunhas, estas se viron atenuadas en certa medida polo comportamento dos sacerdotes, os cales puxeron un pouco de freo aos instintos asasinos dos falanxistas e dos que os apoiaban -como me teñen comentado algúns dos perseguidos e condenados: "onde os curas non quixeron, non houbo mortos"-, iso non significou que non se deran outras formas de represión e humillación.

Porque o do Barbote non foi un caso illado en Vilatuxe: Manuel Lamas Dobarro Manuel de Lucía tamén foi detido, pasou pola cadea, e despois foi multado e sufriu expediente de responsabilidades políticas; José Silva Pájaro foi tamén arrestado en novembro de 1937; o mestre Sindo Cuñarro, suspendido e trasladado... e logo están todos os que tiveron que fuxir ao monte. Na posguerra outros foron detidos e torturados no cuartel do destacamento da Garda Civil que se instalou en Vilatuxe en febreiro de 1948, non para perseguir os estraperlistas, senón para combater a guerrilla antifranquista, pois había pouco máis dun ano os guerrilleiros asaltaran na Saborida un autobús que transportaba os tratantes do Carballiño á feira da Bandeira.

Ademais diso, as subscricións "voluntarias" de diñeiro, ouro, alfaias, roupa e víveres para o exército; as requisas; as multas coas que eran sancionados os veciños e veciñas por diversos motivos: berros contra o Caudillo, blasfemas... Sen esquecer a profunda e salvaxe represión ideolóxica.

Aínda hai moito que investigar e, sobre todo, moito que dar a coñecer, acerca do que aconteceu durante a ditadura. Só así se poderán desmontar as mentiras do franquismo e se logrará construír unha sociedade verdadeiramente democrática.

*Profesor e investigador de Lalín

Compartir el artículo

stats