tRIBUNA LIBRE

A "variante Presas"

15.02.2016 | 02:30
A "variante Presas"

Salvemos Catasós leva traballado arreo para evitar a destrución dunha das paisaxes que mellor representan o rural de Lalín. Do que deberemos estar sempre agradecidos. Tamén son responsables de inculcar a toma de conciencia na protección das nosas paisaxes, dun modo que poucas veces tiñamos visto por estes lares. Lalín ten a sorte de salvagardar un bo mosaico de carballeiras, soutos, sebes, prados de sega, e cultivos, tal e como foron antano. E iso é unha riqueza que non ten medida, que moitas veces só é valorada unha vez que se perde.

A liña eléctrica que promove Gas Natural Fenosa atravesa paisaxes nas que a propia literata Emilia Pardo Bazán atopou inspiración para escribir La Madre Naturaleza (1887). Nesta obra o lector pode perfectamente imaxinar o frescor deses soutos de Quiroga e Casas Vellas. Os directivos da compañía ben deberían lela con atención e poñela en contexto coas súas, tan publicitadas, políticas sociais e de compromiso medioambiental, para decatarse, dunha vez por todas, que a súa persistencia en manter o trazado por Casas Vellas rincha desagradablemente con moito estrondo.

Foi o Valedor do Pobo que instou a propoñer un trazado alternativo. Aínda así, Fenosa e Xunta, ademais de non ter aportado alternativa acorde coa protección deste espazo, paradoxalmente demandáronlle ao propio Valedor o aportar dita alternativa. Velaí a importancia da "variante Presas". A mellor proposta ata o de agora, que permite poñer sobre a mesa de negociación unha opción que pode satisfacer a todos. Propón eliminar o recorrido das últimas nove torretas, as que atravesan Casas Vellas, e levar a liña por detrás da Cabreira ata a altura de Rodelas, xusto ata a súa intersección coa liña de Belesar. Dende aí baixala conxuntamente ata Lalín.

Estimo que esta variante suporía instalar trece torretas máis ata Rodelas, partindo do apoio 49 da proposta de Fenosa. Logo a empresa pode satisfacer, de mediar boa vontade, unha opción que aproveite o trazado actual da liña de Chantada, ou facela discorrer paralela cuns dez apoios máis. Todo isto supón un recorrido novo de case 7 kilómetros a partir do apoio 49. Recordar que o trazado de Fenosa suma, desde ese mesmo apoio (49), 4 kilómetros aéreos ata o apoio 58, e outros 1,5 km. soterrados ata a subestación (en total 5,5 km.).

O bo da "variante Presas" é que ofrece un trazado de moi baixo custe e nula complexidade construtiva. Ata agora a opción de soterrala pola N-525 sempre foi descartada pola compañía eléctrica, en base a un alto custe e complexidade de execución. O trazado proposto por Presas avanza por un relevo suave que facilitaría moi bos accesos para instalar as torretas, a súa cimentación, e suspensión do cableado entre os apoios. Ademais de contar xa cunha pista de servizo. Ambientalmente asumible e sen risco, que nada tería que ver coa desfeita de carballeiras. Con presenza de "vexetación a monte" do tipo matogueira e toxeira, antigas estivadas, e algún prado que outro. En xeral, todo cunha aptitude agraria pobre, coma consecuencia dun solo raquítico con pouca materia orgánica. Xunto con plantacións dispersas de piñeiro de diferentes idades. En canto especies ameazadas, ningunha que poida poñerse en risco.

Todo isto fai que exista unha proposta tecnicamente moi fácil de definir e trazar, cun sobrecusto probablemente mínimo, e unha opción sobre a mesa plausible, cumprindo coa demanda de Xunta e empresa, e que eles non quixeron poñer riba da mesa.

*Biólogo e veciño de Lalín

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine