Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Odiar as augas quietas

En diversas nacións europeas o "lago" ou a "gándara pantanosa" foron espacios moi visitados pola literatura romántica.

A visión romántica de Escocia é inseparabre dos seus lagos. Toda unha escola de poesía inglesa do século XIX é chamada canonicamente "lakista". Cargada de mitos e cultura agraria, a lagoa de Antela foi desecada en Galicia sen que antes diso ningún poeta a cantase e ningún novelista se fixese cargo do folklore narrativo que a acompañaba. Nun poema conmovedor, Rosalía de Castro introduce os ríos, as fontes, os regatos pequenos, pero non menta lagoas nin pozas nin illós. Existe un rexeitamento tradicional dos lugares ermos ou incultos onde a auga está quieta. Vese ben en Galicia aproveitar, desecándoos, eses lugares improdutivos que se sinten perigosos e que mesmo, poñen medo.

O lago de Doniños é considerado o máis profundo de Galicia, e as súas marxes áchanse actualmente moi ben conservadas. Seica iso se debe a que, desde vello, son propiedade da mariña de guerra e non se lle pode tocar alí a nada dos arredores do lago. Hai centos de lugares habitados en Galicia e no Portugal galaico que son Lama, Lamosa, Lamela, Lamego, Lamigueiro, e tamén Pozo, Poza, Lago, Lagoa. Pódese consultar, para comprobalo, o Nomenclátor oficial de Galicia ou o dicionario onomástico portugués de José Pedro Machado. Isto quere decer que onde hoxe hai habitacións humanas en tempos pasados houbo lugares onde a auga represaba ou estancaba. Se o lago de Doniños é, como teño lido, o máis fondo de Galicia, o lago Beón ou lagoa de Antela era, antes de ser desecado, o de maior extensión. Arredor da lagoa de Antela ordenábase unha bela e rica bisbarra que nós chamabamos A Limia, tamén coñecida como Veiga. Dito isto, convén decer que a Limia de que falo nada tiña que ver co río Limia.

Otero Pedrayo, o mellor xeógrafo de Galicia, dicía que a Limia, arredor da lagoa de Antela, tiña a forma dun trebo. Desde tempos moi recuados, a mentalidade economicista utilitaria soñou con desecar a Antela. Así se fixo. A memoria dos que vimos cos nosos ollos a fartura dese inmenso depósito de vida que era a lagoa de Antela no inverno morrerá connosco.

Compartir el artículo

stats