A Área Metropolitana de Vigo require de equilibrio entre todas as partes integrantes. Quero comezar así este artigo porque a considero unha necesidade vital para a supervivencia da Área. Entre todos debemos por freo ós vetos e equilibrar as partes e, para elo, non poden estar sempre vetando uns e cedendo outros. Fago referencia neste sentido a Vigo, gran cidade que vai ser a cabeza deste ente, e ó seu alcalde, que é quen supostamente presidirá a Área Metropolitana; e que deben tender xenerosamente a súa man nun 'quid pro quo' do que a localidade olívica sairá reforzada.

É moi necesario o consenso, que todos os concellos esteamos dacordo, sobre todo no punto que máis nos preocupa e nos une a todos: o transporte. Non tería sentido unha Área na que os municipios membros teñen discrepancias neste tema e todos os alcaldes deberíamos preguntarnos se paga a pena a confrontación, xa que a falla de consenso o único que fai é condear á Área Metropolitana a unha morte anunciada.

Esquezámonos todos de belixerancias e deixemos de lado as nosas cores políticas. Vigo ten que comprometerse porque o normal nunha Área Metropolitana é que a gran urbe, a que se vai converter no Gran Vigo unha vez nos sumemos os outros municipios a ela, ceda servizos en beneficio do ben común. Será ademais un acto de dar para logo recibir, xa que o resto dos 13 concellos non pretendemos caridade de Vigo, senón igualdade de oportunidades para os nosos veciños e veciñas. Senón preguntémonos, para que vale un ente destas características? De non ser así, que diferencia habería con continuar a permanecer como comarcas?

Deixemos todos de lado a política mediática, o rédito político, alonxémonos da repercusión nos medios de comunicación e de saír na foto; e poñámonos a traballar. A Área estase a converter nunha cortiña de fume sobre a que todos os seus membros debemos pararnos a reflexionar: queremos verdadeiramente que vaia adiante ou non? Todos debemos ter esa idea moi clara e poñerlle fin, inmediatamente, á confrontación.

Tampouco debemos esquecer a importancia que a cidade de referencia ten neste proxecto e, por ende, a repercusión que a actitude do seu alcalde ten no bo ou mal termo de todo este proceso ó que tanto lle está a costar ver a luz.

*Alcaldesa de Mos