tRIBUNA LIBRE

O Cocido máis político

07.02.2016 | 02:45
O Cocido máis político

A pasada fin de semana quedou demostrado que a Feira do Cocido é un dos eventos festivos e gastronómicos máis consolidados do panorama galego e nacional. O traballo realizado polos restauradores, carniceiros, panadeiros... ao longo de moitos anos, coa colaboración do Concello, permitiu que a Feira, por si mesma, teña unha capacidade de convocatoria propia que vai máis aló de manobras do grupo de goberno encamiñadas a arrogarse a paternidade dunha parte da criatura.

Paréceme ben que Cuiña afirme que a maior parte das actividades da Feira estaban ben feitas e ben pensadas e que non ten sentido cambiar as cousas que funcionan ben. Foi un acerto que mantivera a case totalidade da programación, cambiando só, detalles de "chapa e pintura" que non moveron un ápice o espírito da Feira.

A Feira do Cocido nas súas orixes foi un evento de exaltación gastronómica (o cocido), con vertente cultural (pregón a cargo de notables figuras) e espírito económico (venta de produtos do noso agro). Ao longo dos anos a feira foi medrando e evolucionando ata converterse no mellor abandeirado de Lalín, dos nosos produtos e das nosas empresas; nun motor dinamizador da economía local e comarcal, e nun evento desestacionalizador que atrae turistas ao interior de Galicia durante o inverno grazas, en parte, á gran difusión mediática que tiña a nivel nacional.

Partindo dese concepto de evento dinamizador e abandeirado na xeografía nacional e de ferramenta de difusión mediática, é un erro querer enfrontar o premio da "Aldea Singular" que potencia o noso rural, e co que podemos estar de acordo noutro marco, coa Encomenda do Cocido. Acto que foi suprimido por unha decisión política, que amosou ser pouco eficiente dende un punto de vista pragmático e de rendabilidade, ao provocar unha importante redución da presenza de medios nacionais na cobertura da Feira do Cocido. A feira pasou de estar presente no seu día grande en directo nos telediarios de varias televisións nacionais -nos últimos anos Antena 3, Tele 5, Cuatro e TVE- e en emisoras de radios nacionais grazas á presenza dos persoeiros que acudían á mesma, a quedar reducida a difusión a unha única peza en La Sexta.

É triste a miopía política de Cuiña e dos seus socios á hora de xulgar a difusión mediática que aportaba a encomenda, grazas aos comendadores de todos os eidos da sociedade. Comendadores que constituían un lobby en favor de Lalín, dos seus produtos e da súa gastronomía. Igualar a difusión que lle aportaban á Feira do Cocido os comendadores implicaría gastar unha gran cantidade de cartos en publicidade pagada dende as arcas municipais, algo que a citada miopía lles impediu ver e que neste ano se perdeu.

Seguindo cos cambios, a estas alturas non se lle escapa a ninguén que a supresión do palco foi outra das mentiras do señor Cuiña, que debido as súas ansias de "protagonismo excluínte", non foi tal, senón unha redución para cumprir ca necesidade que ten el de saír o máis grande posible nas fotos e só acompañado de quen el quere. Non haberá palco para ninguén, foi o que dixo; pero a realidade foi que si o houbo para el e os que lle conviña que saíran con el na foto. Un comportamento que se repite despois de velo subido á estatua de Loriga no chupinazo das Festas e que dou abondo que falar entre os lalinenses.Cuiña e os seus socios sempre viron a feira con ollos políticos, uns ollos que non cambiaron nesta edición. O rexedor veu na difusión previa á feira unha golosa oportunidade para facerse retratos cos alcaldes das grandes cidades de Galicia, que por outro método non conseguiría, e para elo organizou unha xira que ten máis que ver co seu papel de negociador de sensibilidades nacionalistas e coa necesidade de converterse no heroe do galeguismo que cunha difusión da feira que necesitaba unha difusión máis nacional, como corresponde á súa distinción, que non autonómica como se fixo por interese político e para a maior gloria do alcalde. Involución na difusión que concorda co pouco interese de acadar a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional para a que se fixeron, nos últimos anos, actos de difusión fóra de España e "press-trip" que garantiron o dobre de citas en prensa internacional das necesarias. Só unha valdía visita a Braga rompeu a tónica autonómica, para engrosar un xa moi amplo número de reseñas do Cocido en Portugal que non mellora o rico expediente.Entristéceme que a 48 edición da Feira, entre outras cuestións, pasará á intrahistoria do festexo como a edición máis politizada, na única en que os discursos serviron para atacar politicamente á oposición en lugar de ensalzar a Lalín e a Feira do Cocido. Queixábanse de que o PP e José Crespo aproveitaban a feira para a súa promoción persoal. Andaredes e veredes amigo Sancho. Nunca en 25 anos os partidos políticos da oposición foron atacados no pregón coma este ano, pola visión torticeira e sesgada que lle trasladou de Lalín o alcalde a un espléndido pregoneiro. Sempre separamos a política da promoción da nosa gastronomía, dos nosos produtos e do cocido. Nembargantes, este ano só con escoitar os discursos de Cuiña na entrega da "Aldea Singular" e na Comida Solidaria, compróbase que utilizou a feira como unha lanzadeira política. Como xa facían antes co reparto de folletos e críticas aos actos. Un último e pequeno detalle, escoitar a Cuiña e a Casares falando de "aldeanidade" ou facendo proselitismo de relacións cun pobo que sempre miraron dende a distancia é cando menos para escachar ca risa. En Lalín coñecémonos todos.

* Portavoz do PP de Lalín.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine