Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha Área Metropolitana definida e útil para os veciños

É innegable que na última xuntanza das catorce alcaldesas e alcaldes dos concellos que formarán, de inicio, a Área Metropolitana de Vigo houbo, pese ás nosas diferencias ideolóxicas, un sincero desexo de colaboración. Entendín, e así o sigo crendo, que é un bo comezo, especialmente porque cumprimos co noso traballo que non é outro que servir aos nosos veciños.

Con todo, este é un primeiro paso e quedan puntos que fixar para asegurarnos que a Área Metropolitana será útil. O primeiro deles é definir, inequivocamente, qué competencias asumirá. A actual Lei da Área Metropolitana enumera, expresamente, as mesmas pero, de seguido sinala que os concellos poderán ceder as súas competencias voluntariamente. ¿Como explicar que na mesma descipción da Área esta teña unhas competencias ben definidas e, ao mesmo tempo, os concellos poidamos, ou non, ceder as mesmas? ¿Haberá concellos que cedan competencias e outros que non segundo lles conveña? Neste caso ¿asumirá a Área so aquelas que foran cedidas por todos os concellos?

Sexamos serios: se queremos que a Área funcione a lei ten que establecer, sen xénero de dúbida, qué competencias ten de seu, cales son dos concellos, as que están na man da Deputación de Pontevedra e as que segue a ter o Goberno de Galicia.

Sempre crin, e ratifícome, que a clave para o funcionamento da Área Metropolitana é o transporte. Non nos enganemos: sen o transporte metropolitano a Área non ten razón de ser.

Son da opinión de que o mesmo debe abranguer o tren de proximidade. Basta unha ollada ás competencias da organización que nos serve como exemplo do que queremos construír: a Área Metropolitana de Barcelona. Nela artéllase o sistema de conexión pola rede viaria-desprazamentos por estrada en bus-, a rede ferroviaria e as conexións, dentro de Barcelona, cos seus centros sanitarios, organismos públicos, o seu porto e o aeroporto.

Esa ten que ser a finalidade: facilitar o desprazamento das persoas, e cando digo facilitar quero dicir que sexa máis áxil, comprensible, rápido e, sobre todo eficiente, de xeito que un veciño de Redondela, de Cangas ou do Porriño teña craro que pode ir, por exemplo, ao médico a Vigo pola mañá e estar de volta antes da hora do xantar.

A competencia do transporte, hoxe, é do Goberno de Galicia, agás no caso de Vigo -o único dos concellos da Área que supera os 50.000 habitantes- e coa posta en marcha do actual transporte metropolitano, de cara a baixar o prezo do billete, o que fixo, basicamente, foi pasarlle a conta aos concellos. No caso do Porriño, os veciños teñen que pagar do orzamento municipal 200.000 euros polo mesmo e sen ter máis liñas ou máis frecuencias.

¿Teremos que aportar os concellos esas cantidades a Área Metropolitana ou o Goberno galego cederá, xunto coa competencia en transporte o orzamento para mantela? Eu defendo que neste caso, como en todos aqueles nos que as competencias pasen a xestionarse pola Área, estas teñen que vir acompañadas pola financiación correspondente.

Se non fose así o que estariamos dicindo aos veciños é que ao sostemento dos servizos que ten que prestarlles o seu concello, a súa Deputación, a Administración galega e a do Estado, terían que sumar a aportación para o funcionamento dun novo organismo, a Área Metropolitana, aumentando a burocracia e dependendo de máis entidades que exercerían, seica, as mesmas competencias sen darlles máis prestacións.

*Alcaldesa do Porriño

Compartir el artículo

stats