Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Pedro Sánchez no centro do campo

Desde logo, hai indicios certos de que algunha sorte de andazo esclerótico vén aqueixando a uns cantos dos autoproclamados "líderes de opinión", expertísimos constitucionalistas... que, día si e día tamén, ocupan columnas xornalísticas, ondas radiofónicas e/ou debates televisivos de determinados medios de comunicación. E é que, ou xa está de veras a acontecer semellante desventura ou/e que sucede que a confusión entre a realidade e mais o desexo se teña instalado entre eles en clave de moi alarmante patoloxía. Digo/escribo tal porque, de veras, non cabe outra posibilidade para poder explicar como devén que os citados personaxes subscribisen ata o último compás que estabamos abocados a unha terceira rolda de consultas reais da cal, si ou si, Mariano Rajoy sairía designado candidato a presidir o novo Goberno español. Claro é, iso tamén, que se trata aínda deses mesmos individuos que na hora presente garanten/decretan o fracaso ineludible do líder socialista na súa delicada tarefa. En fin, aqueles que nos pasados días entenderon -e así o fixeron constar urbi et orbi- que o expresidente Felipe González viñera "recriminar", "desbotar"... incluso "excomungar" ou "anatematizar" todas as iniciativas, movementos... do seu correlixionario de filas, Pedro Sánchez, na procura dese mesmo labor que lle vén de propoñer o propio rei das Españas. En fin, que os deuses lles arranxen a vista e mais o olfacto!

Nin falta fai que un servidor lles aclare a Vdes. que lonxe de min calquera intención de pretender vir actuar como esexeta de quen outrora liderara as hostes da socialdemocracia hispana -alguén que, simpaticemos/non simpaticemos con el,é indubidable que nunca bota a lingua a pacer-; mais é caso que González, nas súas palabras, significou ben ás claras que, se ben o pasado 20 de decembro de 2015, 7.200.000 concidadáns reiteraron que, a pesar de todos os pesares, Mariano Rajoy e mais o Partido Popular veñen conformar a súa decidida aposta para continuar á fronte deste país de países, non constitúe menos verdade que outros 14.500.000 de compatriotas -tal resulta a suma dos votos obtidos polo PSOE, C'S e Podemos e plataformas afíns- foron expresar a súa plena convición de termos chegado a unha fin de ciclo. Xa que logo, e por moi diverxentes que poidan resultar as solucións propostas, o que si dimana incuestionable é que os españois declararon maioritariamente nas urnas o seu "basta!" á corrupción así como o seu "abonda xa!" respecto dunha política socio-económica sen perspectivas e mais á persistencia dun sistema administrativo que se resolve como unha verdadeira viaxe cara a ningures. Ou o que vén ser o mesmo: optasen xa pola socialdemocracia de Pedro Sánchez; escollesen como mellor candidato a Albert Rivera ou coiden aínda que o futuro reside en Pablo Iglesias e compañía... todos eles coinciden, sen embargo, en sinalar que un goberno do PP, presidido por Mariano Rajoy, non ten xa máis traxectoria. Simplemente, esgotou o seu creto e periplo.

Certo é que alertou arredor dos perigos que, na súa estima, conlevaría unha alianza PSOE+Podemos. Mellor dito: para Felipe González semellante converxencia naufraga no tocante á problemática independentista e de aí os seus abertos reparos. Agora ben; en todo momento insistiu con vehemencia o influínte político andaluz en que "el sistema necesita reformas y cambios regeneracionistas": do contrario, a vía morta, o colapso... están asegurados.

Non se trata de proscribir, de rexeitar porque si, sen máis, a presenza do Partido Popular, nin sequera a de Mariano Rajoy. Mais a realidade é que, tal e como anotabamos o sábado pasado e neste mesmo lugar, tal parece que a única estratexia do actual presidente do Goberno en funcións consista en deixar pasar o tempo, a gardar que a conxuntura apodreza, para logo poder reivindicarse -nunha sorte de máxico rebote e logo da desfeita do proxecto Sánchez- como o "imprescindible" ou mesmo como "o malo coñecido". Creo que han de coincidir conmigo os, sempre moi amables, lectores destas crónicas en que a proposta -alén de desesperada- non pode resultar máis triste.

Así as cousas, e a non ser que algúns prefiran, ao cabo, a inclemencia dunhas novas e procelosas eleccións antes que baixaren a garda, non cabe outra perspectiva que Pedro Sánchez para ben ou Pedro Sánchez para mal. Tanto o pragmatismo como a capacidade para vir situarse no centro do campo de xogo converten ao flamante candidato no único referente enxergable; como afirmara o clásico, "o fútbol non é unha ciencia exacta": non obstante, quen ten o balón, ten moitas posibilidades de saír airoso no empeño.

"Ni el PP ni el PSOE deberían impedir que el otro gobierne", respondeu na entrevista Felipe González. Unha resposta e máis nada ou, acaso, toda unha aseveración?

Compartir el artículo

stats