Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Área Metropolitana de Vigo? Desta ten que ir

Moito se leva falado e escrito xa sobre a necesidade de poñer en marcha canto antes a Área Metropolitana de Vigo; sobre a oportunidade, polo de agora paralizada, de camiñarmos xuntos Concellos -e polo tanto a súa cidadanía- que compartimos servizos, obxectivos, carencias, problemas e, polo tanto, tamén solucións.

Non ten sentido, pois, redundar nesa necesidade evidente nin na fermosa posibilidade que se nos abre a quen habitamos nesta área, senón en aportar grans de area para facilitar o camiño que -mesmo que semella que cada día máis curto- aínda nos queda por percorrer.

Non se pode negar que o proxecto de Área Metropolitana, concibido hai xa un feixe de anos, non se puxo en marcha da mellor maneira. O PP, maioritario daquela nos catorce concellos que a conformaban, semella que deseñou unha estratexia para asediar Vigo, porque só así se entende que non se definise claramente o tema da Presidencia ou que se pretendese - cunha emenda parlamentaria- impoñer a teoría "dunha alcaldía, un voto", cando a representación na Asemblea e o financiamento da estrutura da Área van ligados proporcionalmente á poboación de cada Municipio. Tamén hai que sinalar, como eiva para a súa posta en marcha, que no proceso de aprobación da Lei actual, cando menos en Cangas, non se contou para nada coa daquela oposición, como tampouco non se contou con ela -hoxe goberno- para a entrada no Plan de Transporte Metropolitano que grava brutalmente o noso Municipio cunha aportación anual de arredor de 130.000 euros, a máis elevada de todos os Municipios da Área.

Pero non imos mirar atrás. Agora mesmo, despois das distintas iniciativas protagonizadas polo Concello de Vigo primeiro e pola Xunta de Galicia despois, déronse pasos seguramente definitivos cara adiante. Solucionouse o tema da Presidencia e da gobernanza aceptando o papel de Vigo e o peso proporcional de cada Concello, procurando fórmulas de consenso. Pasos avante.

Queda, pois, un asunto central: o transporte metropolitano. Un servizo fundamental que algúns concellos vimos financiando mesmo sen ter competencias que deben pasar á Área -co seu financiamento- sen dúbida ningunha. Outra cousa é o transporte urbano, competencia de Vigo que Cangas non ten interese ningún en asumir, polo seu custe e complexidade. O que si pide Cangas é coordinación entre ambos transportes e que a nosa cidadanía poida usar a tarxeta metropolitana tamén por Vigo - porque o necesita- do mesmo xeito que os vigueses a usan cando collen o barco ou o bus para Cangas. Quen debe financialo?: A Xunta, por suposto. E a Vigo que se lle pida unha aportación fixa como aos outros Concellos, que mellor, por suposto, se se reduce a cero.

Así de claro e así de doado. Liortas políticas, cero. Que cada Administración asuma a súa responsabilidade e miremos cara adiante. A nosa cidadanía non nos vai perdoar que perdamos esta oportunidade. Coa escusa que sexa, porque neste tempo xa non caben escusas.

*Alcalde de Cangas

Compartir el artículo

stats