Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

The Quiet Galician

Coñezo -é dicir; a cousa non pasou nunca para alén da pura coincidencia xeográfica e xeracional; dubido ben que un servidor de Vdes. figure na memoria presidencial do pasado e/ou do presente- a Mariano Rajoy Brey desde hai moitos anos. Ambos compartimos, daquela, idade e circunstancia: máis concretamente, trátase do feito de estudarmos -a súa facultade estaba á beira da miña- na Universidade de Santiago de Compostela polas mesmas datas. Algunha outra cousa, preguntan? Pois precisarmos de lentes e gastarmos barba. Fóra diso, punto e parágrafo.

Non é que eu veña pensar que con tal proceder fixese unha gran fazaña; moito menos aínda que considere que son merecente dalgunha especie de medalla e/ou diploma. Mais é o caso, iso si, de que naquela xeira dos 70 algúns pasabamos horas enteiras das nosas vidas en manifestacións, acudindo a asembleas e xuntanzas e/ou expresando pola noite, nas paredes, a nosa protesta irada contra un sistema -un réxime- que agonizaba, pero que sabía moi ben morrer matando. En todo caso, é lembranza dabondo para declararmos que as liberdades non foron ningún regalo; incluso dando por válido o lexendario relato do "motor do cambio", semella evidente que ningún atomóbil botaría a andar xamais se lle faltasen os faros, o chasis, as rodas...

Mentres, outros -cheos de "sentido común", "seriedade"..., -ou iso proclamaban- preferían/decidían manterse á marxe. Moi ben aleccionados por papá e mamá, asentían en que o balbordo, o motín, a batalla... era cousa de "melenudos e barbudos", "inconformistas e rebeldes que nin saben o por que da súa protesta", "rojillos de café", manipulados por tenebrosos "poderes ocultos". Opinaban, pois, in illo tempore, aqueles espelidos da Facultade de Dererito compostelá que "lo que pasa es que en España no estamos preparados para la democracia"; a continuación de tal descuberta da pólvora, retornaban aos naipes, o café con leite e/ou aos artigos do Código Civil. Se había ruído na rúa, simplemente pechaban as contras. En fin, resultado de todo o proceso está á vista: rexistradores da propiedade e avogados do Estado. Da miña parte, velaquí ao servizo dos, sempre moi amables, lectores. E tan feliz de tal cousa!!

Cómpre recoñecer -se é que tal actitude puntúa nalgún concurso- que D. Mariano sempre se mostrou fiel a si mesmo e ao seu público. Non importa, xa que logo, que, tal e como escribira o gran clásico da outra beira do Miño/Minho, "mudam-se os tempos, mudam-se as vontades": se nos 70 non tiña ningún xeito, carecía do mínimo rigor que aqueles "barbudos, rojillos de café" pretendesen calquera tribuna ou aceptación, tampouco o vén ter que, aquí e agora, un revoltallo de "feministas resentidas", "perroflautas", "profesoruchos bolivarianos"... pretenda, nin máis nin menos, que acceder ao goberno de España. Faltaría máis! Ata aí podiamos chegar! O que acontece, iso tamén, é que na nómina de "perroflautas" e demais, o Sr. Rajoy e mariachis adxuntos sitúan sen reparo ningún a todo aquel que, simplemente, non comungue coas súas rodas de muíño: velaí, entón, como nin sequera xentes de traxe e garavata como D. Pedro Sánchez ou D. Albert Rivera lles parecen meredecores de respecto. Absolutamente convencidos de que eles veñen ser España -a única España-, os acólitos do presidente en funcións entenden que o única actitude do lider socialista e desoutro de C´s consiste en acudir á Moncloa -ou á rúa Génova- e presentarlle alí a D. Mariano, en submisa xenuflexión, a súa adhesión inquebrantable.

Fronte á "ambición desmesurada" dun Sánchez que, polo visto, só pensa no seu embigo; diante dun Rivera que non acaba de aceptar o papel de monaguillo -e xa non digamos perante as coletas, rastas, piercings... de Podemos-, os corifeos, postillóns e servintes mediáticos, día si e día tamén, badúan unha entremistura de advertencias apocalípticas e ameazas mafiosas ben dignas de Nostradamus, Lucky Luciano ou os bigotes de Tejero. Evidentemente, nin se lles pasa pola cabeza coidar, sequera unha vez, que o seu discurso xurásic pasou a mellor vida: digan o que digan, escriban o que escriban... Rajoy só semella capaz de chegar a acordos consigo mesmo. Con máis xente no banco dos acusados que a traballar no goberno, nin sequera a axuda de San Felipe González parece abondar!

Situación que non lle impide -un señor é un señor!- que, se convén, reciba con banda de música e foguetes a Salman bin Abdulaziz, a esoutros, igualmente consumados demócratas de sempre, Xin Jinping e Li Keqiang ou, toma talante ZP!, incluso ao moi demoníaco e traidor presidente da hipotética /apoteósica Freedom Catalonia, D. Carles Puigdemont i Casamajó. Que lle queren Vdes.? Son os efectos de contar cunha "agencia muy libre".

Impasible, impávido, impertérrito..., o líder dos populares parece agardar a que o tempo pase e pase e pase... para acabar gañando o partido por aborrecemento xeral. É mágoa que o xenial Graham Greene xa non estea neste barrio; con certeza que habería de escribir unha nova novela: "The Quiet Galician."

Compartir el artículo

stats