tribuna del lector

Os premios de restauración arquitectónica

"Manuel Gómez Román"

29.01.2016 | 02:28
Os premios de restauración arquitectónica

Duns anos para acó estase a notar unha maior sensibilidade de moitos propietarios de casas no rural galego que queren devolverlle ás súas vivendas o feitío orixinal. Na nosa paisaxe comezan a agromar aldeas cos seus hábitats recuperados e habilitados coas mellores comodidades interiores. E nesta tarefa teñen un papel decisivo os profesionais que saben ver nos vellos muros de cachotería das nosas casas aldeás, elementos arquitectónicos que debidamente tratados embelecen a construción en harmonía coa contorna xeográfica.

Máis dunha vez temos afirmado que os concellos tiveron moita responsabilidade na desfeita das nosas construcións populares, outorgando licenzas de restauración que alteraron a tipoloxía de casas e construción adxectivas. Deste nefasto proceder foron, e seguen a ser responsables todos os partidos políticos sen excepcións. Son os culpables de que a nosa paisaxe rural fora degradada, ao tempo que promovendo a falta de autoestima dos galegos polo propio.

A asociación cultural "Setestrelo" que preside e dirixe Francisco Nóvoa Rodríguez, "Paco da Postal", convócanos ao acto público da quinta edición dos premios "Manuel Gómez Román", que terá lugar no Castelo de Maceda o próximo día 30. O premio, por ser o único destas características en Galicia, ten contribuído a motivar o interese pola recuperación e restauracións da nosa tradicional arquitectura popular, que non é pouco.

Hai anos premiou a Manuel Caamaño Suárez, arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura, pola súa obra "As construcións da Arquitectura Popular, Patrimonio Etnográfico de Galicia", un estudo sobre o que se deu en denominar a arquitectura sen arquitectos. Certo, o noso patrimonio arquitectónico popular foi construido por mestres canteiros no que se poden observar os gustos estéticos e a funcionalidade nas construcións adaptadas ás necesidades peculiares dos seus moradores, creando fermosos núcleos rurais.

Os premios "Manuel Gómez Román" fóronlles concedidos este ano a "Sabín-Blanco, Arquitectos SLP", pola restauración da vivenda para casa do parque das Fragas do Eume, en Montefero, e a "Abalo Alonso Arquitectos", pola restauración das hortas de Caramoniña, en Santiago de Compostela. E a medalla de prata outórgaselle ao arquitecto, Manuel Seoane Feijóo, director das obras de restauración da catedral de Ourense, recoñecendo o seu labor profesional como arquitecto e polo labor de investigación e difusión da cultura e historia da comarcarca de A Limia da que é natural, labores que compatibiliza coa docencia na Escola de Artes Antonio Faílde Ourense. Un recoñecemento xusto para un profesional que ten tras de sí unha inxente e coidada obra, respectuosa sempre coa paisaxe e as distintas tipoloxías arquitectónicas.

Este ano celebraranse en Galicia ben actos para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala, que foron as primeiras en declarar na súa primeira asemblea de 1918 a "soberanía estética de Galicia", que se tería que exercer: a) Sobre as construcións urbás e rurais, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitare o estilo das súas construcións ao estilo xeral de cada vila galega; e b) Na expropiación de monumentos e paisaxes. Unha proclama que ten aínda vixencia hoxendía. Por iso é de agradecer o esforzo que fai a asociación "Setestrelo" por manter vivo un premio destas características, malia a indeferenza das institucións públicas, máis dispostas a poiaren outras iniciativas de menor incidencia social. Iniciativas para facermos país.

* Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine