A día venres de inverno a cerca de luz, da Candelaria e San Brais, no noso pobo, na Estrada, darase a voz unitaria, sobre todo académica, feita lectura. Xuntarémonos no Teatro Principal.Alí paso a paso faremos exercício de pensamentos da man do libro obrigado da nosa cultura, digo como lectoras e como lectores, " Memorias dun neno labrego" do universal autor Xosé Neira Vilas, escritor galego en galego, plenamente, veciño noso, no ir do Ulla, pois el mesmo dicía ser un obreiro traballador da nosa Lingua e que tratatou de irradiar tal idea aínda que non tivo a recepción comprensiva , mesmo no seu redor, dalgúns sobre todo que exercen rito lingüístico por festas de marcar.Ben se sabe que da lucería pouco máis queda que cinza e materia de nada.

No noso Principal da Estrada serán as voces rexas e determinadas das nosas nenas e dos nosos nenos, de Oca,Codeseda,Foxo,Vea,Pérez Viondi, Figueiroa e Lourdes, xunto coas mozas e cos mozos do Ies Un,Losada Dieguez , García Barros e Lourdes, quen conxuguen en clave de querencia a lectura de cada quen no libro señeiro da nosa literatura galega.Libro este como referente de resistencia de sermos nós.

Agora toca saír do inverno e pregoar a primavera, as mil que fixo a desexo Alvaro Cunqueiro secundado polas nosas escritoras e polos nosos escritores de patria, digo pois estradenses.Benzóns ás profesoras e aos profesores que mediaron tanto para que esta mostra vivencial feita lectura ecoe nos corazóns de todas e todos nós.Balbino, e así no nome de todas e de todos o proclamo, xa non é un ninguén,Segue, iso si, a ser un neno da aldea

*Escritor e mestre