Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Lástima dun Nóvoa!

A función dos partidos da Internacional Socialista era a de frear o comunismo nos países occidentais. Eles estiveron sempre impregnados pola CIA a través de múltiples correas de transmisión. O asasinado Olof Palme, que apoiaba o MPLA de Angola, ou o golpe contra a UP de Chile, coa neutralización de Salvador Allende e do seu goberno explican por si mesmos a dificultade de ser "socialista" e invadir as marxes fixadas polo Imperio.

En Portugal, os socialistas pactaron onte un goberno moderadamente favorábel ás camadas populares co PCP e co Bloco. O resultado é que as manobras do Imperio fixeron imposíbel que Portugal tivese un presidente da República afín ao primeiro ministro ao seu gabinete.

O que equivale a decer que o Imperio obstaculizaou, desde o interior do PS, a candidatura de António Sampaio de Nóvoa. O PS portugués, coma o PSOE español, está moi mediatizado polo Departamento de Estado e por diversas axencias norteamericanas e por toda clase nos núcleo capitalistas de poder interno e transnacional.

Sampaio da Nóvoa, por moito que fose avalado, por disimular, pola asinatura do atlantista Mário Soares, non era benquerido polos grandes diñeiros. Alén de ir a arar moito ben cos socialistas do gabinete governamental e cos socios parlamentarios de esquerda xenuína, Sampaio da Nóvoa declaraba que ía levar persoalmente unha política internacional na que Galicia había estar visíbel.

Vexan que, mentres en Galicia moitos dos que se apelida coma el tratan de mudar de sitio, por esnobismo, o acento tónico, o frustado presidente mantenno orgullosamente no o: Nóvoa, como era Nóvoa o castelo e a xurisdición que se mantivo durante toda a Idade Media en outeiros que dominan a vila de Ribadavia. Coñecedor experto de Vigo, de Galicia das extremas secas e dos relanzos do Miño, o doutor Sampaio da Nóvoa estaba chamado a ser, cunhas Marés enchendo este período da Historia, o presidente portugués que recoñecese a verdadeira substancia da súa nación estabelecendo un novo pacto con Galicia.

Non foi así, e Portugal será presidido por un vulgar Rebelo, ou Rebello, para quen Compostela significa o mesmo que Ayamonte e para quen Galicia é unha anaco de Espanha como poida ser Badajoz; Badallouce, escribía Afonso X o Sabio.

Compartir el artículo

stats