Cando Xosé Neira Vilas chamábame por teléfono, sempre preto da media noite, o primeiro que me dicía era: "Loliña, son Pepe". Eu pensaba para min: "Que sorte! é o: manancial de humanidade / manancial de xenerosidade / manancial de humildade / manancial de sabiduría / manancial de agarimo... de cousas que só fan ben e das que tanto todos necesitamos"; como el ben dicía vivimos nun mundo estrafalario cheo de egoísmos onde parece que soamente se lle da valor o que se merca con cartos, por culpa destes ás veces fanse cousas que dan moita dor. Esquecémonos dos afectos que tan bos son para a saúde xa que frean todos os males.

A esta marabillosa fonte de oxíseno e auga limpa cheguei da man de Balbino quen recibiume cos brazos abertos (el era así recibía a todo mundo deste xeito) e para sempre, sempre quedou dentro do meu corazón que nestes intres chora a súa perda. O único que o consola un chisco é pensar que o meu Pepe, o noso Pepe, está co seu grande amor, fiel compañeira de máis de cincuenta anos, a doce Anisia. Ela non soportaba estar máis sen o seu todo, polo que el emprendeu esa viaxe que co paso do tempo todos imos pensando nela.

O sábado 27 de novembro do ano que se foi, soterramos a Neira Vilas, sete días antes lonxe estaba eu de pensar que isto ía acontecer, estabamos na miña aldea, Tomeza, disfrutando da súa compañía con motivo da presentación do meu libro sobre el e Anisia. Foi un acto cheo de tenrura e agarimo con asistencia de amigos, veciños, persoas que coñecín ese día que viñeron de lonxe. Tamén estivo o Doutor Ángel Carracedo, Fina Casalderrey a quen estou agradecida polo prólogo tan fermoso que fixo para esta obriña e o pintor Tato Heredia autor das ilustracións. Mil grazas Tato.

Así mesmo contamos coa actuación musical de Tino Baz, o dúo Fírveda e as Estreliñas de Tomeza. A verdade é que foi algo inesquecible para min e para Pepe, seino porque ao día seguinte acompañeino a ver a obra de teatro "Espantallo Amigo" que se representaba en Cira. Pola noite estiven na súa casa onde comentoume moitas cousas, entre elas o ben que o pasara sen esquecer o cariño con que o recibiron todas as persoas que acudiron ao Centro Social Lusquiños (Tomeza). De feito, el non esperaba algo tan emotivo e concurrido pois non collía unha palla pola moita xente que se achegou ao lugar a pesar de que ese día enfrontábanse Barça-Madrid. Ata o doutor Carracedo sorprendeuse do que estaba a pasar.

Non sei o que daría para que este ser marabilloso estivera entre nós. Botoo moito de menos. Pepe aos seus 87 anos era unha persoa xoven, un xenerador de creatividade, proxectos, ilusión, de vida e cariño que daba a todos. Soía dicir: "Hai que mirar sempre para diante, xamais para atrás". Era o noso guía. Levábanos por unhas sendas ateigadas de boas sementes, froito do seu traballo que ao longo da súa vida foi sementando. Non daba abasto a xuntar amigos que formaban unha cadea que non tiña fin.

Era, é, pois a súa obra é inmortal o escritor do pobo galego, o sentir da Galicia profunda. Ata ao final dedicou a súa vida aos demais e a nosa terra. Isto era o que máis feliz lle facía. Un gran patriota. Do bo que era donou a casa onde naceu a todos os galegos e xunto coa súa muller levantou un fogar de cultura que leva o seu nome "Fundación Xosé Neira Vilas" que segue aberta, posto que deixouna en boas mans: a persoas que perante moitos anos traballaron ao seu carón, refírome ao padroado da súa Fundación.

A traxectoria vital de Pepe amósanos que calquera Balbino, aínda sendo da aldea e pobre, pode lograr o éxito e recoñecemento con esforzo e traballo tal é como fixeron non só el senón tamén moitos outros galegos do seu tempo como Seoane, Jesús Canabal, Isaac Díaz Pardo... situación que, segue acontecer nos nosos días e que nun futuro serán lembrados como eles.

Quero comezar o Novo Ano pensando que Pepe segue vivo no corazón de todas as persoas que o queremos de verdade. Está dentro de cada un de nós manando a moreas cousas boas.

Dende aquí quero dar as grazas a todas as persoas que me amosaron mostras de apoio pola perda desta inesquecible persoa pola que eu sinto un cariño tan grande.

Pepe, alá onde queira que esteas, espero que coa compañeira da túa vida e dos fieis amigos-irmáns, infinitas apertas de todos nós.

Unha vez máis grazas, Pepe, polo teu cariño, o tesouro máis valioso que se pode ter.