Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Déixenme ser Rei Mago

Desde logo, tómolle emprestado -o orixinal reza así: "Déixenme ser Raíña Maga"- o título que preside á miña apreciada conveciña e colega Inma López Silva, quen vén de empregalo para rotular, á súa vez, unha recente columna. Tal vez obxectarán algúns de entre Vdes. que se tratan, as presentes, dunhas liñas dobremente innecesarias: en primeiro lugar, porque á vista "da que está caendo" -en todos os sentidos da expresión- acaso resulte un tanto trivial darlle á tecla do ordenador sobre semellante temática cando acontece que media, ou unha, ducia de apocalipses now ameazan día si e día tamén. E en segunda instancia porque é ben probable que non falte entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas quen considere que a santo de qué me atrevo a facer pública a consignada petición. Xa que logo, tentarei xusticalo/xustificarme de contado.

Comezando polo final: debe de ser que desde sempre non me sinto especialmente satisfeito co aspecto e mais o destino que en fortuna/desventura me tocou; segundo o meu psicanalista paraguaio, a lista de complexos que me invaden e asolagan vén ser tal que nin paga a pena facer mención deles. Tanto é así que, considerando o seu número, esoutro das sesións de terapia programada e, nin que dicir ten, a factura correspondente a toda a andrómena, eis que tomei a decisión de aturar como mellor poida/saiba as consecuencias e, en todo caso, aproveitar a posibilidade de publicitar un pequeno desafogo. O Cosaco Verde -de certo, aqueles de entre Vdes. que "peinen canas" han de saber de quen falo-, o Capitán Trueno..., pero así mesmo o Tenente Blueberry, Corto Maltés ou Han Solo figuran na nónima de traxes e de peles que quixen/quixera ocupar, sequera por unha vez na miña vida. Desde que logo que si: comprendo ben que me falte calquera cualidade que fale a favor de tales pretensións; de feito, nunca me queixei demasiado que o meu caro e vello amigo Estro Montaña me arrebatese o papel de Little Joe Cartwright (Michael Landon) en "Bonanza" ou que esoutro moi estimado camarada José Juan Suárez me "chorizase" o rol do almirante Harry Nelson en "Viaxe ao fondo do mar". Ao cabo, ambos os dous teñen infinito mellor tipo que un servidor e, ademais, José Juan resulta ser, para colmo, capitán da mariña mercante; da miña parte, nunca pasei de simple timonel a navegar (de bolina, claro é) en veleiro pola ría.

"OK MacKey; vale; de acordo -díxenme a min mesmo-; nada que obxectar. Agora ben; Papá Nöel, Santa Claus, os Reis Magos... Aí si que teño posibilidades!" Despois de todo, nin me teñen que inventar consistencia física ou poñerme anos enriba -que máis quixera eu, o contrario!-, nin tampouco confeccionarme unha barba canosa postiza: todo iso xa o poño de meu, sen ningunha necesidade de attrezzos e utilerías. "En consecuencia -pensei- este ano non vai haber ninguén que me poida discutir o meu dereito indeclinable a subirme á carroza da Cabalgata, asumindo a personalidade do Rei Melchor."

Ninguén, puxen? A ver: non vou facer aquí e agora profesión da miña absoluta crenza na igualdade de sexos e etc; milito, sen incertezas, no recoñecemento pleno de que cadaquén pode decidir probar(se) a vida que lle pete e veña en gana. Mais aínda así e todo..., non me digan! E é que poderían escoller: velaí Xena, Uma Thurman en "Kill Bill", Buffi, a cazavampiros, Lara Croft, Pocahontas, Angela Merkel, Ada Colau... incluso Rey, futura dama da Orde Jedi... Pero non! Tiña que ser de Raíña Maga, e con iso aumentar irremediablemente o catálogo dos traumas que me asedian! Parafraseando a Celso Emilio, nunca fun usuario de Twitter suntuario nin sequera utilitario; polo tanto, heino poñer aquí mesmo: "No te lo perdonaré jamás, Inma López Silva e tutti quanti!"

Somos como somos. Xa que non os ceos, si que se puxeron a asaltar algúns/algunhas a Cabalgata dos Magos de Oriente. E é que acaso o eixo Bruxelas-Berlín, San Euro mediante arreo, faga imposible calquera intención socialdemócrata ou así de repartir mellor os orzamentos; agora ben, non nos van quitar de distribuír como lle cómpre os caramelos!

"Ninguén vai xogar cos chuches dos españois": de tal xeito (ou parecido) sentenciou D. Mariano Rajoy a finalidade principal do seu goberno. "Ninguén vai xogar co traxe dos Reis Magos!", vén de engadir, da súa parte, a Sra. Álvarez de Toledo. En efecto, e como todos Vdes. coñecen dabondo, foi unha filla da referida Dna. Cayetana quen alertou á súa proxenitora da ignominia: "Mamá, el traje de Gaspar no es de verdad. ¡No es de Armani!" Por favor; sexa made in don Giorgio, confeccionado por Agatha Ruiz de la Prada ou de "mercadillo": déixenme ser Rei Mago xa! Como explicou o gran Sabina: "sale gratis soñar y no creo en la reencarnación".

Compartir el artículo

stats