Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

De Europa

Escocia é unha nación habitada por agradabeis e industriosas persoas e tamén unha patria artística e literaria. Bon quiñón de sensibilidade romántica naceu naquelas gándaras toxentas, á sombra de arruínas góticas, no golpe dos remos sobre rías e lagos nos que as montañas se espellan.

Escoceses son Machperson, Robert Burns, Walter Scott, aos cales lles debemos os galegos unha porción dos nosos patetismos poéticos vixentes. Escocia foi moi procurada polo cine. Non se decataron vostedes de que o musical escocés "Brigadoon" diu lugar aos ballets galegos de Rey de Viana e de Antonio/Halfter? E logo non foron tachadas, as bandas de gaitas da Deputación de Ourense, de imitaren as reximentais dos "highlanders" como antes foran acusados os "bagad" bretóns de nova factura dun delicto paralelo?

A película "Braveheart", de Mel Gibson, falsificou a Historia pondo os escoceses coas caras enlarafuzadas ao modo dos Pictos pre-célticos e pre-xermánicos. Pro a narración de Wallace combatendo Inglaterra é espléndida e conmovedora. Tamén pintan a faciana os guerreiros da última versión cinematográfica do Macbeth, o cal constitúe o único erro de ambientación no que incurreu Justin Kurzel. E non me cabe dúbida de que, a deste australiano, é a filmación do Macbeth máis radicalmente escocesa. A música dos nomes Duncan, Malcolm, Macbeth, fundense coa natureza e coa merguice na pelicula, en planos de excepción.

A análise da ambición criminal e da culpa, que poden aniquilar un destino, son universais e acrónicos nesta fita, mentres a palabra, o verso de Shakespeare, abrolla dos beizos de Fassbender, de Marion Cotillard, coa pureza dunha fontenla que, digamos en Fingal, se faga fareixa que cai entre granito e carrascas sobre a nosa memoria literaria.

O cine recibe ben as palabras de Shakespeare, sempre que o director non caia na tendencia de vestir herois tráxicos coma alabardeiros de opereta vienesa. Sempre na nosa memoria está o Shakespeare cinematográfico de Orson Welles, o de Mestre Kurosawa. Voltarán ter os escoceses referendo. Recuperarán eles a súa independencia perdida, igual que a recuperaremos nosoutros.

A literatura escocesa e o cine de asuntos escoceses, no que se inclúe o Macbeth de Kurzel, están a nutrir a conciencia nacional igual que, un día, estimulara a esperanza nacional-popular italiana o coro do Nabuco de Verdi. E non esquezamos que Verdi é autor dun Macbeth que se escribe con letras de sangue e de ouro na historia da ópera. Disto falamos en Galicia cando dicimos Europa.

Compartir el artículo

stats