Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Je ne suis pas Charlie Hebdo

Hai exactamente un ano escribía unha opinión co mesmo título que esta: "Je ne suis pas Charlie Hebdo (Eu non son Charlie Hebdo)". E hoxe volvo dicir o mesmo.

Este satírico semanario francés lembra, no seu "estilo", os atentados terroristas nos que foron vilmente asasinados varios traballadores da empresa, entre outros. E a lembranza que estes pseudo xornalistas fan do atentado resúmese nunha nova portada blasfema: presentan a Deus coas roupas e as mans ensanguentadas e portando unha arma baixo o título "Un ano despois, o asasino segue solto".

Segundo Laurent Sourisseaus, o autor desta penosa caricatura, a súa pretensión é zarandear un pouco á xente, xa que pola contra permanece nos seus carrís. E estes son os que se converteron en Occidente nos mártires da liberdade de expresión. Así nos vai.

Claro que condeno o terrorismo, o odio e calquera acto de violencia; e fágoo dende o convencentemento máis absoluto de que cada vida é sacra e inviolable. Pero como dixen hai un ano eu non son Charlie Hebdo porque en ningún caso podo identificarme con quen en aras de non sei que fan mofa e escarnio continuo de todas as relixións e crenzas.

Un ano despois volvo sentir vergoña deses nosos gobernantes que se colleron da man para manifestarse polas rúas de París e subir aos altares a estes "mártires da liberdade"; eses mesmos gobernantes que calan coma meretrices noutras ocasións igualmente (ou máis) penosas.

Hoxe, ante o silencio e a complicidade de moitos e ofendido de novo por este pasquín francés pregúntome que sucedería se este se publicase en Catalunya facendo sátira sobre os seus símbolos e institucións, ou en Galicia burlándose do noso idioma e da nosa cultura. Quero pensar, e temo non equivocarme, que moitos dos que hoxe defenden (de palabra ou de omisión) un novo insulto a Deus e ao credo da maioría non serían tan tenros, benévolos e indulxentes nesas circunstancias. Pero xa se sabe que hai casos (especialmente algúns casos coma este) nos que se cumpre á perfección o que di o noso sabio refraneiro: moito se alegra o corvo do que fai o lobo. Así que, unha vez máis, todos caladiños.

Compartir el artículo

stats