Recibo a chamada dos xornais para darme noticia do pasamento de Jaime Alvarellos López, propietario de Alvarellos S.L. e solicitan algúns datos que puideran servir para un panexírico do finado. Este amigo e co-veciño deixa lembranza imperecedoira en Lalín e comarca e aínda en Galicia, polo seu recoñecido labor de impresor de varios centos de libros e publicacións, os máis deles referentes aos distintos eidos da cultura de Galicia e de xeito especial a comarca de Deza. Coleccións enteiras coma os doce tomos de "Descubrindo" ou a media ducia de "Deza básicos", do Seminario de Estudios de Deza ou os "Cadernos de Estudos do Museo do Patrón" por citar algunhas das moitas publicacións que saíron ao prelo do acreditado grupo de comunicación que o finado rexía. Este grupo dedicado as artes gráficas imprimiu miles de memorias, revistas, boletíns, programas de festas, calendarios -ilustrados por recoñecidos pintores coma Lamazares, Urrutia e Negro entre outros- , invitacións de voda e outros eventos ...unha verdadeira fonte na que se reflicte a historia das xentes e os acontecementos da nosa comarca.

O primeiro libro que publicou quen isto escribe co titulo "Hijos ilustres de Lalín : El aviador Loriga" saíu do prelo da Imprenta Alvarellos no ano 1976 sendo quizais tamén un dos primeiros que publicaba a daquela pequena imprenta lalinense que no ano 1963 cubrira o baleiro que deixara anos atrás a "Imprenta Carrón", na que nos anos anteriores a guerra do 36 se publicaban os periódicos "La Razón" e "La Patada" silenciados para sempre pola ditadura franquista.

Merece mención especial a edición do libro "Iglesia del Monasterio de San Pedro de Vilanova" publicado en 1983 do que era autor o actual director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez. Do prólogo encargouse Nicolau Alvarellos, irmán de Xaime e inesquecible cura párroco de Oirós (Vila de Cruces) e A Estrada, falecido aínda novo deixando varios traballos escritos encol da historia dezá. No ano 2004, Jaime Alvarellos xunto con outros conveciños foi o promotor da celebración dos "50 anos do Instituto Ramón Marúa Aller ", correndo ademais coa compilación de abundante documentación para a publicación dun libro que deixaría lembranza daquel centro no que se formaron miles de dezaos. En anos posteriores ducias de autores noveles e xa consagrados publicarían obras neste acreditado grupo de comunicación.

Con anterioridade a Imprenta Alvarellos, funcionaba xa na vila de Lalín a Librería Albarellos dende o ano 1939 . Daquela o pai, Xosé Benito Alvarellos Areán, abrira o negocio na rúa que facía pouco tempo se dedicara a Loriga en Lalín, que tivera alúmenos un antecedente na que anos antes rexía Leandro López del Río, aquel emprendedor que botara a andar o primeiro cinema en Deza. Co andar do tempo, o máis novo dos tres fillos Jaime Alvarellos faríase cargo do negocio que xa era un referente na comarca e que non pararía de medrar abranguendo outros campos das artes gráficas, ampliando instalacións e chegando a contar con dezaseis empregados, varios deles da familia. Mentres o seu irmán Benito "Pacholo" logo dunha estadía no estranxeiro poñería negocio de imprenta en Caldas de Reis e o terceiro dos fillos Nicolau -como deixamos referido- seguía a vocación sacerdotal.

Serva esta apurada e incompleta síntese biográfica para lembrar a este veciño e amigo e testemuñar súa familia o noso sentimento de dor que compartimos con cantos ao longo dos anos trataron e apreciaron a Jaime Alvarellos que deixa imperecedoira lembranza entre nós.

* Veciño de Lalín