Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Unha vila con dúas ánimas

Falemos da vila de Pontevedra. Floreceu ela coa navigación, o comercio internacional, as pescarías e a salgazón. A súa burguesía foi culta e coñeceu no século XVI un conato de universidade renacentista, ao abeiro da cal naceu o mito fundacional de Teucro. Foi decaíndo, esta Pontevedra que, coma Noia, estivo chamada a ser cidade Estado gobernada por unha élite que en lugar de se chamar Medicis levase, coma tal, o apelido Cru. Coa división de España en provincias, Pontevedra logrou unha capitalidade. As novas clases preponderantes da vila, agora cidade, estaban ligadas á administración pública, ao exército, á curia, á audiencia, á deputación, ao comercio menor. Continxentes familiares destas élites procedían da Terra de Montes. Ascenderan desde o campesiñado probe á burguesía togada mediante a profesión de pedreiros convertidos en grandes contratistas da construcción civil e eclesiástica. Desde o século XVIII e XIX, a Fundación Figueroa, contribuiu á formación dunha clase de Pontevedra con raíces en Cotobade, en Cerdedo. En realidade, cultural e xeográficamente, a Terra de Montes chega a vila de Pontevedra. No seu concello, as freguesías de Marcón, de Mourente, de Tomeza, polo menos, son Terra de Montes. Salcedo, non. Salcedo, e a Moureira, arrabal capitalino, son Morrazo puro. Tanto coma Cangas, Marín, Moaña, Bueu ou Vilaboa. Hoxe quérese deturpar o carácter morraceiro da vila de Pontevedra. Eu aínda lembro os días nos que o arcipreste de Morrazo era o crego de San Bartolomeu de Pontevedra. Hoxe hai un intento en marcha. Preténdese dividir o Morrazo, e darlle unha parte (Marín) a Pontevedra e outra (Cangas) a Vigo. Grave erro este nas prácticas políticas referidas á creación das mancomunidades de municipios. Pontevedra está tan unida ao Morrazo e a Terra de Montes como distante, cultural e económicamente do Salnés e da Terra de Turonio onde están Vigo e Tui. O día no que se tome en serio a extinción das provincias decimonónicas, teremos a obriga de definir as bisbarras ou comarcas. Nunca esta nova división pode ser arbitraria e contrariar a tradición, a cultura, historia e a xeografía. A Boa Vila, terá un sitio de honor nunha Galicia futura da que desaparezan, coas demais, a provincia de Pontevedra, que é, coma todas caprichosa e constituida á rebours da substancia nacional-popular. O camino de Vigo é outro, e xa iremos tratando deste asunto que nos relaciona directamente con Portugal. En todo caso, o aeródromo internacional de carga non debe estar máis ca en Peinador.

Compartir el artículo

stats