Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Grandes esperanzas

Eu vexo que Maré ten como tarefa inmediata constituír en Madrid un grupo parlamentario galego, e isto ocorrerá por primeira vez na Historia e a consecuencia da unidade nacional-popular. E digo nacional-popular pensando tanto na idea que levou á constitución da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) coma ao pensamento de Antonio Gramsci. Ese grupo haberá de contribuír a que o propósito de Aznar e Felipe González non callen na Grande Coalición que temos agoirado moito nesta columna. O grupo entregaralle o goberno de España a quen sexa merecente de o ocupar como dixo alguén nun mitin. O dereito de autodeterminación dos pobos, co cal responden as NNUU, nunca poderá ser conculcado por aqueles aos que o grupo parlamentario galego habilite para formar gabinete. Deseguida, a Maré vai facerse cargo da Xunta de Galicia. Aínda que esta administración é constitutivamente insuficiente para responder ás arelanzas de Galicia, os resultados electorais últimos obtidos propician esta posibilidade histórica. Certo que unha Xunta gobernada en Maré pode dar grandes pasos na transformación social, democrática radical de Galicia e na mudanza do Estado Español nunha dirección social e rupturista. Pero, mesmo sen mover os marcos institucionais vixentes, unha Xunta de Maré parece ser a única capaz de cumprir a histórica vocación xeopolítia de Galicia. O macizo galaico-duriense levanta polo Leste obstáculos orográficos cuase insalvabeis, o que obriga a Galicia a abrirse ao mar, aos mares. Só unha Xunta de Maré (por exemplo) podería crear unha compañía nacional de navegación que nos liberase das liñas de transporte marítimo monopolista do tipo Suardíaz e outros. Temos os asteleiros, os técnicos, os operarios que saben facer barcos e mailos mariñeiros e oficiais mellor preparados do mundo para cruzar os océanos. Só nos falta un goberno. Un tratado internacional, sobre o mar, entre os gobernos autónomos de Escocia e Galicia faríanos ben; moi exactamente beneficiaría ás nosas pescarías. So un goberno galego de Maré sabería facelo. En canto á outra vocación ancestral xeopolítica de Galicia, ela chámase Portugal. A euro-rexión Galicia-N. de Portugal boicoteada por diversos axentes, debe ser posta en vigor, co nome histórico de Gallaecia. Tal acontecemento, de inmensa repercusión económica e cultural, tamén só ten como executores posibeis os homes e as mulleres que souberon aprezar as virtudes da unidade nacional-popular galega nos nosos días.

A circunstancia política portuguesa é hoxe extraordinariamente favorábel.

Compartir el artículo

stats