Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

E a culpa de quen é

Despois das últimas eleccións do 20 D, e vistos os resultados que acadou o nacionalismo galego, quixera nestas liñas facer unha sinxela e humilde reflexión para intentar aportar o meu grao de area diante dunha situación que considero empeza a ser tráxica para os intereses do noso país, da nosa identidade como nación e, sobre todo, para a defensa dos galegos e galegas.

Toca, sen lugar a dúbidas, desprendérmonos dunha vez por todas da autocomplacencias e dos vellos prexuízos e falar claro, abertamente, dende a humildade e tamén dende a conciencia de non ter feito ben as cousas, xa que logo o proxecto que representa o Bloque Nacionalista Galego acaba de levar a máis dolorosa derrota electoral ó non acadar representación nas Cortes Españolas despois de vinte anos sendo a única voz de Galiza e dos intereses galegos no Estado.

O domingo día 20, eu votei por Nós, Candidatura Galega, pero por primeira vez, dende que teño uso de razón política, gustaríame ter votado outra cousa. Gustaríame ter votado por unha voz única de Galiza, gustaríame ter votado por aqueles homes e mulleres que dende as bases militantes clamaban a unidade dos nacionalistas e das nacionalistas, gustaríame ter votado por Castelao e a súa clara visión da necesaria unidade para afrontar os retos que este país se ten que marcar.

E non foi posible esa unidade por que en moitos casos se seguen antepoñendo as rencillas persoais, o desexo de vinganza e o protagonismo persoal diante dun proxecto común.

A culpa, compañeiro Rodríguez, non é dos que votaron a En Marea, a culpa nunca pode ser dos traballadores e traballadoras que están a sufrir nas súas carnes os problemas do paro da pobreza dos desafiuzamentos e dos recortes máis severos que se recordan nas políticas de servizos sociais e de servizos públicos.

Galiza ten demostrado que é quen de abandeirar proxectos de unidade en torno a un proxecto político.Galiza, señor Beiras, ten demostrado non precisar de forzas estatais para facer oír a súa voz e defender a súa propia soberanía.

A culpa non pode ser dos homes e mulleres que noutros tempos colocaron o nacionalismo como segunda forza política do país, e que mesmo intentaron afondar no noso autogoberno dentro da Xunta e que mesmo foron quen de iniciar os pasos cara un novo estatuto de nación.

Se, dende a miña humilde opinión, hai unha culpable destes resultados e deste descalabro non é outra que a división e a ruptura que dende Amio nos ten feito perder grandes baluartes do nacionalismo e nos ten feito enrocar en postulados que cada vez se alonxaban máis da maioría da nosa cidadanía. Uns por abandonar o barco, outros por aplicar sistematicamente a aritmética da maioría e afondar nun extremismo claramente trasnoitado e sindicalizado. Uns polos outros e o barco á deriva. Cando a cidadanía falaba de pobreza, de paro, de sanidade pública, de ensino público e de poder chegar a fin de mes, os seus referentes políticos galegos falábamos de Ikea (república independente galega). Estes referentes políticos contestabamos ás penurias do país con desencontros, reproches e parapetándonos nos nosos chiringuitos para que non se nos esfumaran.

Sorpréndenos agora, que este país do que nos fomos alonxando buscara outras voces novas, frescas e sobre todo sen ataduras pasadas para defender os seus dereitos?

A vindeira asemblea de marzo, non pode ser outra máis, non basta con cambiar a cúpula nin as caras. A ver se dunha vez somos quen de deixar que falen as bases militantes, a ver se somos quen de dar pasos atrás para que outros dean dous cara adiante. Dende a miña condición hoxe, de militante de base, gustaríame que na vindeira asemblea non se elixiran ningúns cargos, non se trouxeran documentos precociñados polos de sempre e gustaríame que dende o que fomos noutro momento esa casa común, invitáramos a calquera home ou muller que quixera vir de outras forzas nacionalistas, de asociacións galegas que teñen traballado por este país, en definitiva que non fora unha asemblea do BNG, senón que partindo da nosa xenerosidade foramos quen de convocar unha verdadeira Asemblea Nacional Galega para enfocar o noso futuro.

Gustaríame que durante dous, tres, catro, os días que fagan falta, debatamos e reflexionemos abertamente, non sobre o noso futuro como opción política, senón sobre o futuro de Galiza, escoitando tamén ós nosos alcaldes e alcaldesas, que dende os seus pobos vilas e cidades, si que se achegan a esa maioría da cidadanía. Escoitando ás mulleres que seguen sendo vítimas de discriminacións e de exclusións dos grandes poderes de decisión (e, por que non dicilo, tamén do nacionalismo).

Gustaríame en definitiva que desa asemblea saíran os alicerces fundamentais para o futuro deste país; gustaríame que a mensaxe fose clara: para este proxecto queremos contar con todos e con todas. Cos que falan galego e os que están no proceso de descubrilo. Cos do Dépor e cos do Celta. Cos traballadores e traballadoras. Cos empresarios que fóra da especulación están tratando de crear riqueza neste país. Cos mozos e as mozas, os de Galiza Nova e cos que non teñen máis futuro que ingresar nas listas do INEM. Coas mulleres, as que loitan aprol do feminismo e en contra da violencia, e coas que aínda non descubriron a súa emancipación. Cos dependentes e excluídos socialmente. Cos que admiran respectan e vibran co noso himno e cos que aínda o están aprendendo. En definitiva coa maioría social de Galiza. Por que ou conseguimos integrala no noso proxecto, ou como din no meu pobo, "seguiremos a velas vir".

Remato esta humilde reflexión contestando a primeira pregunta do escrito. "E a culpa de quen é?", dos que non o soubemos facer (nos que, por suposto, me inclúo).

Compartir el artículo

stats