Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Vinte anos non son nada

Parece que foi onte, pero acaban de cumprirse vinte anos da fundación do Museo Casa do Patrón, cheos de longos e intensos días de traballo, ilusión, solidaridade e mesmo sacrificio de innumerables persoas que apostaron por esta iniciativa, que xurdiu da nada, como por arte de maxia. Cando vexo as cousas que existen, pregúntome por qué, e cando penso nas que non existen, pregúntome por qué non... Cada vez que contemplo incrédulo a chegada a Codeseda dalgún dos 250 autobuses que nos visitaron este ano que remata, recordo con morriña aquela aldea da miña infancia, chea de lameiros, a que era imposible acceder en coche, poboada por humildes e esforzados labregos cun horizonte sombrío, algún deles "caseiros" coma min, atrapados nun escuro círculo de pobreza e abandono, do que non resulta doado escapar.

Pero un bo día, cando fomos capaces de secar as amargas bágoas que nos empañaban os ollos pola partida dos nosos devanceiros, levantamos a cabeza, con mirada firme cara ó futuro, e todo cambiou: Decatámonos de que continuaban con nós, porque nunca se foran: Están aquí, ó noso lado, cada vez que empuñamos un arado, moemos o gran nos muíños de regueiro, tecemos nun tear tradicional, cocemos no forno de leña, subimos á "aurela do castro", plantamos unha árbore...

Partindo desta básica pero sólida premisa, acompañada de moito traballo colectivo e espíritu de sacrificio da totalidade dos veciños, contando coa inestimable colaboración de milleiros de galegos humildes e xenerosos, convertimos unha ilusión en realidade: Transformar aquela illada e descoñecida aldea no conxunto etnográfico maior de Galicia, abarrotándoa de apeiros, primeiro do propio lugar, logo da parroquia, de Lalín, da comarca de Deza e, finalmente, de toda Galicia. Nun proxecto sen precedentes, levamos a cabo a restauración integral exterior do lugar e do seu entorno, dende o río Asneiro, ata o Castro de Doade, pasando pola ruta de sendeirismo que os une, mellorando os accesos, construíndo aparcadoiros, estudando e protexendo a paisaxe circundante; en definitiva, facendo da nosa aldea un conxunto cultural, etnográfico, gastronómico e natural de primeiro nivel, visitado por máis de 12.000 persoas ó ano.

E así, pasiño a pasiño, case sen darnos conta, mudamos o noso xeito de vida. En Codeseda xa non hai vacas, senon guías turísticos, monitores de tempo libre, restauradores, artesáns, todos eles testemuñas vivas de que no medio rural hai infinidade de alternativas por explorar, de diferentes posibilidades, conseguir unha alta calidade de vida, que nada lle ten que envidiar ó entorno urbán. Recordando o pasado con cariño, vivimos o noso presente con optimismo e ollamos o futuro con esperanza, quedando demostrado unha vez máis o formidable poder dun pobo unido, dun traballo colectivo constante e continuado, dunha fe inquebrantable nas nosas posibilidades e da ilusión do neno que levamos dentro.

E pregúntome a diario se unha aldea pequena, escondida, esquecida da man de Deus, sita no corazón da Galicia profunda, logrou este espectacular cambio dispoñendo de escasos medios e menos axudas, por que non o poden facer outras moitas espalladas por toda a xeografía galega en idéntica situación? Dende aquí pídolle con toda humildade, pero tamén con toda a convicción, ós nosos irmáns do mundo rural galego, no que nacín, vivo e penso morrer e soterrarme, que nunca abandonen a loita por defendelo e melloralo, buscando outros puntos de vista, intentando poñer en práctica novas ideas, explorando toda a súa riqueza e potencialidade, porque é intentando o imposible como se consegue o posible e tan só hai unha cousa que fai imposible un soño: O medo a fracasar.

O noso agradecemento e respecto para a multitude de galegos de boa fe que nos axudaron, para os que xa nos visitaron, e para os que o farán máis adiante, son inmensos e constituirá sempre para nós a máis absoluta das prioridades, sendo o único obxectivo do Museo devolverlles multiplicada a todos sen excepción, porque a cultura non ten fronteiras, abarca tódalas maneiras de vivir e de pensar, a súa aportación e colaboración para preservar, coidar e divulgar a espiritualiade, a cultura e a historia da nosa querida Galicia.

Feliz ano 2016, no que continuaremos traballando con ánimos renovados!

*Xerente do Museo Casa do Patrón

Compartir el artículo

stats