Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Recordos e desexos

Mirar atrás nestes tempos e nesta civilización, a nosa, é algo ao que non estamos acostumados. Unha das nosas maiores desgrazas é a falta de memoria; basta unha nova de última hora para descoidar todo o ocorrido anteriormente.

Pero no epílogo do ano 2015 temos que botar a ollada atrás e lembrar tanto acontecido: o "meniño da praia", os atentados de Copenhague, Garissa-Kenia, Tunes, Somalia, Beirut ou París (máis que París!), os milleiros de cristiáns asasinados pola súa fe en territorio islámico, en Corea do Norte ou en China, os terribles terremotos no Nepal, a Guerra Civil en Siria (que segue) e os seus refuxiados (que agardo!), o descubrimento da corrupción no seo da FIFA (outra máis!), as eleccións en Grecia, Gran Bretaña, Venezuela ou España, nin o restablecemento das relacións diplomáticas entre EE UU e Cuba, os novos gobernos locais do noso país, a Star Wars, Miss Universo, etc. E o teu, o meu e todo o noso. Disque un día dá para moito, se se aproveita. Canto máis un ano!

E para o que xa vén, máis; pero máis do mellor, claro.

Eu, agora que lembro estes doce meses pasados, miro cara os vindeiros coa ilusión e a esperanza de cambiar, de ser máis persoa, de medrar en verdade e liberdade. Así que procurarei:

1. Criticarme só a min mesmo.

2. Non arranxar tódolos problemas do mundo nun só día.

3. Adaptarme ás circunstancias sen agardar a que estas se adapten a min.

4. Crer sen medo na bondade e a beleza das cousas e persoas que me rodean.

5. Gozar de cada xornada coma se fose a derradeira da miña vida evitando tanto a presa como a indecisión.

6. Ver aos demais como o que son: máis valiosos e loables ca min.

7. Facer cada día unha boa acción sen que ninguén se decate e sorrir, sobre todo cando non teña gañas.

8. Pedir perdón sempre, perdoar antes de que mo pidan e dar as grazas por todo e a todos.

9. Facer as cousas non polos froitos senón por si mesmas.

10. Amar e coidar á miña familia (tamén aos membros da mesma que xa non están neste mundo) e ser moi fiel e agradecido cos meus amigos.

E para empezar con bo pé: perdón, grazas e venturoso e vivo ano 2016!

Compartir el artículo

stats