Moitos cidadáns estrañaranse estes días ao ver o bulir constante dos gandeiros que andan cos seus tractores dun lado para outro, de distribuidora en distribuidora. Eroski, Lidl, Gadis, Carrefour... A Coruña, Lugo, Lalín... cando está claro que estas non son boas datas máis que para descansar e estar coa familia.

O 22 de setembro firmamos un acordo co Ministerio de Agricultura e con máis de 70 empresas do sector lácteo e da distribución, que contou ademais co aval do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que garantiu que se cumpriría. O documento levaba implícitos deberes para as tres partes; industria, distribución e gandeiros, a través das cooperativas agrarias (quero recordar que a organización á que pertenzo -Unións Agrarias-UPA- non o asinou por falta de garantías para o seu cumprimento). En definitiva, a distribución comprometeuse a trasladar valor ao longo da cadea, para que o gandeiro puidera cobrar máis e así saír desta asfixiante crise. Pois ben, a día de hoxe o único que se sabe é que o leite lles subiu aos consumidores, pero desa subida, aos gandeiros non nos chegou nada.

Como é lóxico estamos pelexando para que o prezo do leite aumente, pero ao mesmo tempo quero deixar claro que tamén loitamos para que o consumidor galego e español coñeza con garantías a procedencia do leite; se é galego, español, de Francia ou alemán. En termos económicos isto non lles custa nada ás cadeas de distribución pero, non obstante, dálle moita seguridade aos consumidores, que continuamente no lo están demandando. Porén, se é verdade que loitamos por todo isto, non é menos verdade que o facemos polo noso pobo e polas nosas vilas, nas que o leite é de vital importancia para a súa economía e para o seu desenvolvemento. O que nós non produzamos producirao o resto do Estado, producirao Francia ou producirao Alemaña. Toca defender o que temos... Mañá tocaralle a outro sector.

*Gandeiro de Lalín e secretario comarcal de Unión Agrarias