Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Prisión de Príncipe

Miro aquí, no FARO que se cumpren 125 anos da inauguración da Prisión de Partido, na rúa do Príncipe (Vigo). Relembro con ledicia que a barbarie quixo derrubala, facer unha praza (con negocio inmobiliario) no seu sitio e poñerlle ao chanchullo un nome que representase a quintaesencia do humanismo do novo réxime da Transición: Praza da Concordia. Unha das máis intensas e vivas polémicas urbanísticas das que se teñan producido na historia de Vigo ocasionou que unha maioría municipal francamente civilizada suspendese a orde de derrubamento da Prisión de Príncipe. En Vigo botouse abaixo a casa da Farmacia Rubira, a Estación do Ferrocarril con arrecendo de Curros, a varanda do Náutico, a Praza de Portugal o palco da música da Alameda. Inclusivemente o concello fixo desaparecer o tranvía que vertebrara a cidade e que podía evolucionar cara un tren metropolitano de calidade.

Salvouse a Prisión de Príncipe e hoxe, para a nosa satisfacción, é un museo de arte contemporáneo. Cando se inaugurou o Marco, desta columna e doutros foros parteu unha petición cívica. Que, no nome da xustiza histórica, se presentase no vestíbulo unha lápida cos nomes de todos os presos e presas políticos que o réxime franquista maltratou alí. E tamén dos que naquela cadea foron axustizados a garrote. Non tivemos éxito na nosa demanda. É o caso que aínda quedan moitos homes e mulleres vivos en Vigo que pasaron períodos de internamento na Prisión de Príncipe, despois, xeralmente, de padeceren interrogatorios en Luís Taboada, onde era a sede da Brigada Político Social.

En toda a Europa culta incluída Rusia, hai listas públicas e recordatorios das víctimas dos diversos fascismos que defenderon a Libertade. En Vigo, non. En Vigo a maioranza municipal que se declara socialista non inscribiu nos muros do Marco nin sequera os nomes dos correlixionarios seus que alí padeceron, algúns antes de seren axustizados. Polo contrario, en Vigo mantense en pé unha cruz erixida polo franquismo en memoria exclusiva dos caídos, como eles din, "por Dios y por España".

De Vigo desapareceron os tranvías, a varanda do Náutico, o palco da música da Alameda, e mesmamente a fonte luminosa da Praza (hoxe) dos Cabalos de Oliveira. Incluso estivo a piques de desaparecer, segundo un plano de Bofill, a Prisión de Príncipe. Salvámola por moi pouco. Fáltalle unha placa.

Compartir el artículo

stats