Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

A enerxía dos ríos

Así se titula o Caderno nº. 3 do Museo Casa do Patrón, editado pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón, sendo o seu autor D. Marino J.J. Lamas Costa (xefe da axencia de Fenosa en Lalín durante varios anos), en colaboración con persoal directivo do museo. Agora que se vai a celebrar o primeiro centenario da Hidroeléctrica do Deza, sita no río Asneiro, augas abaixo da ponte de Botos, á altura de Sestelo, queremos recordar aquí que calquera persoa interesada nesta publicación pode adquirir un exemplar da mesma no museo de Codeseda.

Esta caderno consta dunha primeira parte, na que se expoñen as múltiples centrais hidráulicas que existiron na Comarca de Deza, tanto de uso público, coma privado, remontándose algunhas delas a principios do século XX, o que demostra unha vez máis a capacidade de progreso do noso inxenioso pobo, tamén neste descoñecido eido. Complétase o libro con múltiples entrevistas realizadas no seu día a varios propietarios destas fábricas ainda vivos no ano 2006, así como á práctica totalidade da plantilla de Unión Fenosa en Lalín, moitos deles empregados antes noutras centrais, que nos contaron as súas vivencias e experiencias persoais neste sacrificado traballo, entre as que figura unha longa conversa entre o xerente do museo e o noso finado amigo D. Emilio González Taboada, fillo dun dos seus fundadores no ano 1918, D. Emilio González Gil, que foi nomeado Administrador da Hidroeléctrica do Deza en 1963, exercendo este cargo ata que a venderon a Fenosa. Segundo D. Emilio, "aquelo da iluminación era magnífico, a luz era como un milagre e cada data na que se inauguraba a electrificación dunha aldea, era unha festa no lugar". Lembra tamén que "as inversións foron cuantiosas, pero, en contrapartida, tiveron a sorte de que non morrera ninguén nas obras de construción".

Significar que este caderno, forma parte dunha serie de publicacións da Casa do Patrón sobor diversos temas históricos e culturais da Comarca, sobre os que pouco ou nada había escrito, entre os que tamén destacamos O túnel da Abeleda: 30 anos de sacrificio, que, en formato similar, versa sobor da construcción do FFCC no Deza. Reiteramos aquí o noso máis profundo respecto e admiración polas xentes que participaron en traballos tan inxentes, quen, con moito suor e pouco salario, contando con apenas máis medios que a forza das súas mans, contribuíron decisivamente ó desenrolo do que hoxe constitúe a puxante Comarca de Deza.

*Presidente da Fundación Amigos da Casa do Patrón e xerente do seu museo

Compartir el artículo

stats