Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Mundo virtual e redes sociais

Recentemente veño de ler que a Real Academia da Lingua, no seu encomiable propósito de non descolgarse da sociedade e estar cos novos tempos, vai aceptar unha batería de palabras de uso coloquial xa entre os máis novos e pouco a pouco entre todos nós, mesmo se trate de neoloxismos, barbarismos ou estranxeirismos, xa sabemos a imparable forza dos mass media, e as técnicas de marketing que usan e das que abusan os ianquis, das Américas do mundo mundial, nesta aldea global de merda na que nos meteron sen que nos decataramos, por mor dos xuros, rendibles, e beneficios do mercado, aínda a fuer do sacrificio do máis intimo e persoal de cada pobo: A cultura, a historia e a lingua propia.

Eu voulle facer de agasallo, tres palabras, teño moitas máis, tan so e preciso ler os comentarios dos seudoamigos, miles que burbullan polas redes sociais, e se tes un mínimo de curiosidade e tempo, anotalas para despois pescudar o seu significado, as máis das veces moi afastado do concepto que o autor pensou darlle cando a plasmou no seu comentario. Que lles parecen descomplicado,desdivorciado ou desalegría? Palabras todas elas, formadas co prefixo gramatical des, que entra na formación de palabras co significado de negación, exceso ou fóra de. Neste caso, a connotación conceptual sería para a primeira palabra, o que foxe da súa propia complexidade como home, no segundo caso designariamos as persoas que se reúnen despois de terse divorciado e no concepto de desalegría entenderiamos o desencanto, a perda da ilusión ou un sentimento positivo e feliz.

Estes novos mundos virtuais que nos saen ao paso e nos asaltan e sorprenden cada vez que lle damos ao botón do noso ordenador, fannos vivir unha vida que non é nosa, unha lingua que cada vez nos crea máis complexidade conceptual e que mesmo non comprendemos e nos leva da man ata o infinito e moito máis, facéndonos dar por bos feitos inverosímiles e absolutamente estúpidos.

Cremos case que todo o que pulula pola rede, porque está publicado, e vive en internet, e vivimos na rede, pola rede e para a rede, cada dia máis e con máis dependencia. Buscamos información, lemos xornais, miramos videos musicais e películas, baixamos e compartimos traballos, fotos, comentarios políticos e sociais, violencia, sexo, manipulación, e demasiadas veces sen cribar a súa orixe e verosimilitude, dámolo por certo e compartímolo, estendendo deste xeito a súa necidade, que pasa a ser tamén nosa.

Resulta patético ver como novas de hai meses, ou mesmo anos, continúan dando miles e miles de voltas, e a xente tómaas como recentes sucesos de actualidade, por non falar das cadeas de apoio, firmas ou solidariedade en causas rematadas e perdidas ou gañadas hai anos. O caso, penso que aínda circula pola rede, da morte do meu benquerido pallaso Miliki, ao que despedimos hai agora tres anos é ben representativo do que digo. Alguén rescatou a súa necrolóxica dun xornal, e colgouna no seu muro, no que centos e centos de comentarios déixannos claro e terían que nos facer reflexionar sobre o que estamos facendo e no que nos estamos a converter dentro deste mundo virtual de falsos afectos e amizade baleira.

Compartir el artículo

stats