Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Concellos comprometidos

A transparencia e a participación son dous principios fundamentais da nosa sociedade constitucionalmente garantidos e que cada vez están máis regulados. O obxectivo das normativas existentes na materia é que os cidadáns e cidadás teñan un maior e mellor acceso á actividade pública e para acadalo está sendo básico o enorme desenvolvemento das novas tecnoloxías. Esta mesma semana, o pasado día 10, rematou o prazo para que os entes locais se adaptasen as últimas obrigas fixadas na Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, aprobada polo Executivo do Estado en 2013. Antes deste texto e a través de diversa normativa, os propios concellos xa foran afondando neste eido, moitas veces por iniciativa propia.

Agora esta voluntariedade pasou a ser unha obriga xeral: un dos aspectos máis relevantes da normativa estatal que entrou en vigor é que debe ser aplicada por todas as entidades locais. Isto acontece con independencia do seu número de habitantes, da capacidade económica que teñan ou do seu nivel organizativo. Dadas estas circunstancias, a Federación Galega de Municipios e Provincias foi consciente da necesidade de adoptar unha serie de medidas que puideran servir de axuda aos concellos para implantar as premisas que lles fixa a lei.

A Fegamp estivo traballando na materia durante este último ano, aprobando un Plan de Transparencia e Bo Goberno que puxo a disposición de todas as entidades locais galegas para facilitar que desenvolveran este marco legal de especial complexidade.

O plan da Fegamp está asentado nun primeiro piar básico, que é un Código Ético e de Bo Goberno que recolle principios deontolóxicos comúns para todos os concellos. A maiores inclúe unha Ordenanza-tipo para que os municipios conten cunha serie de recomendacións prácticas que lles fagan máis doada a súa aplicación no día a día.

O Código Ético e de Bo Goberno da Fegamp inspírase no sentido da responsabilidade, a vontade de servizo público, a transparencia, a eficacia e a dedicación plena ás súas funcións. Isto recóllese en 15 artigos que amosan unha serie de compromisos a aplicar no ámbito da xestión municipal en relación á toma de decisións, á xestión dos recursos, á adxudicación e contratación, á selección de persoal, a inauguracións, agasallos e viaxes, entre outros.

Mentres, na ordenanza enviada aos concellos defínense os principios básicos nos que se debe rexer a transparencia e a información pública, os dereitos que os cidadáns teñen neste ámbito e o procedemento de acceso e uso da información das administracións.

Quizais o aspecto máis salientable de cara á cidadanía sexa a publicidade activa da información, que permite que poidan consultar multitude de datos da xestión das entidades locais cunha maior sinxeleza e axilidade. Aqueles que o desexen terán coñecemento da organización municipal, os seus servizos e procedementos, a contratación, as retribucións de altos cargos e distintos aspectos financeiros, orzamentarios e económicos. A entrada en vigor da Lei vai permitir que os cidadáns poidan acceder a un importante abano de información e especialmente que estes datos, na maioría dos casos xa publicados en distintos espazos, se reorganicen en torno a un portal de referencia.

Non podemos obviar que a aplicación das premisas contidas nesta lei de transparencia xera especiais dificultades para aqueles concellos máis pequenos, que carecen dos medios humanos e materiais para poder aplicala. Debido a esta realidade da xeografía galega e froito da colaboración entre a Fegamp, a Dirección Xeral de Administración Local e a AMTEGA, habilitouse unha plataforma específica de transparencia no portal de Eido Local para que todos os concellos galegos dispoñan dun espazo que poida dar cumprimento á lei.

Esta plataforma de transparencia permite aos concellos a súa utilización cunha gran flexibilidade, xa sexa enlazando aquela información recollida nas súas propias páxinas web, como estruturando o contido dispoñible dunha forma organizada se non dispoñen dun sitio específico, ou ben utilizando directamente este espazo, cumprimentado as distintas seccións e subseccións que teñen ao seu dispor.

Máis aló dun carácter simplemente informativo, as medidas levadas adiante a través desta Lei deben converterse fundamentalmente nun servizo útil para os cidadáns, que produza respostas rápidas, directas e claras. Un elemento que comparta coa cidadanía a xestión pública dos concellos, habilitando canles de participación efectivos. Deben facilitar aos veciños e veciñas o coñecemento do sistema organizativo das entidades locais para simplificar os trámites e demandas que teñan que realizar a través dos seus concellos e, por que non, establecer fluxos de información entre as diferentes administracións que permitan mellorar a xestión global do sector público.

Compartir el artículo

stats