Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

CCC

Acaba de conmemorar España os anos da fundación do actual réxime político. Este, chamado da Reforma, da Transición ou da II Restauración, produciuse mediante o consenso de múltiples forzas ocultas e visibeis: banca e grande capital, políticos do franquismo, políticos dun partido antifascista que loitara (carrillistas), políticos dun partido antifascista que non loitara (PSOE), monárquicos, Igrexa Católica, Exército e forzas represivas, nacionalistas cataláns de Pujol, idem vascos do PNV. En realidade, o factor aglutinante foi o Departamento de Estado dos EEUU, que viña preparando este coctail e formato para España desde o chamado "contubernio de Munich".

Ningún partido nacional galego partipou coma tal na transición e os seus pactos, aínda que o piñeirismo apresurouse a subir ao vagón derradeiro polo cal recibiu grandes prebendas, das cales hoxe gozan os seus herdeiros dinásticos. O único político presente nos pactos da Transición como nacionalista galego foi Valentín Paz Andrade, a proposta principalmente do PCE eurocomunista. Convén lembrar que houbo en Galicia grande campaña contra a constitución, vastamente silenciada pola prensa. A UPG, e organizacións propias, pediron votar "non". O PGP (independentista) reclamou a abstención activa. En 1978 votábase monarquía con presos políticos na cadea e sen garantías un texto de pé forzado. Formáronse os Comités Contra a Constitución abstencionistas (CCC), cuxa campaña culminou nun mitin memorábel no cine Roxy do Toural (Teis). Os oradores conectaron co pobo disidente e cantáronse as estrofes da Pandeirada da Constitución: "Non quero Constitución/ que me veña de Madrid,/ quero unha Galicia Ceibe/ e tamén te quero a ti./ E tamén te quero a ti,/ miña rosiña rosada,/ quero mar e quero vento/ non a Patria encadeada/. Por dicir Viva San Roque/ prenderon o meu Antón./ Inda pena na cadea;/ Abaixo a Constitución". Os resultados, en Galicia, non foron brillantes para os constitucionalistas.

A pesares de controlaren todos os medios de cumunicación e de non existir internet alternativo á oficialidade, a abstención foi demoledora e aínda houbo aquí e acolá por toda Galicia unha boa sementeira de "nons". Os que quedamos fóra da "cidadela constitucional", como dixera o intelectual carrillista con moita graza, pasamos a non ter rostro público. Isto ocorría en 1978. En 1980 o nacionalismo galego independentista, organizado en Galicia Ceibe, volvía á cadea, e só agora é que se albiscan espectativas dunha mudanza real.

Compartir el artículo

stats