Desde o ano 2010 as administracións educativas eliminaron numerosos dereitos do profesorado do ensino público, redución dos salarios de máis do 5 por cento, eliminación de pagas extras, aumento do horario de docencia directa, perda do dereito do profesorado interino e substituto ás retribucións dos meses de xullo e agosto entre outros. Estas reducións de dereitos laborais foron acompañadas dunha ofensiva agresiva e continuada contra o ensino público, aumento do número de alumn@s por aula, diminución xeral do profesorado, especialmente grave en especialidades como Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) e Educación Infantil (EI), aumento da impartición de materias afíns e do profesorado que debe compartir varios centros, ás veces, afastados por decenas de quilómetros, supresión de unidades nos centros públicos ao tempo que se aumentan no ensino concertado. A partida destinada nos orzamentos da Xunta de Galicia a Educación en 2015 foi 680 millóns de euros inferior á que se aprobara en 2009, un 25 por cento menos. Reflexione a lectora en que a perda de profesionais en PT, AL e EI atenta directamente contra o dereito das alumnas e alumnos con necesidades educativas especiais a unha atención personalizada, impartida por profesionais cualificad@s e cun horario suficiente. A Consellaría de Educación castiga o alumnado máis necesitado, cuestionando o dereito estabelecido no artigo 27.5 da Constitución Española, "os poderes públicos garantirán o dereito de todos á educación" (o subliñado é noso).

Para xustificaren estas medidas a Consellaría e a Xefatura Territorial de Educación recorren unha e outra vez á descualificación do profesorado, nun intento de o denigrar diante da opinión pública. Os recortes de dereitos e de servizos estarían xustificados, segundo este relato, pola falta de compromiso do profesorado do ensino público coas súas obrigacións. Cando unha comunidade educativa, nais e pais, claustro do profesorado, reclama a dotación de profesorado de PT e AL para atender as necesidades demostradas de atención especializada existentes; cando se pide que se cubran todas as vacantes que se necesitan nun centro educativo, segundo os catálogos estabelecidos pola propia Consellaría e publicados no DOG, a negativa acompáñase de críticas explícitas ou veladas ao profesorado do centro. O obxectivo é conseguir a renuncia, que o profesorado e as direccións dos centros deixen de reclamar os medios humanos necesarios para atender as necesidades existentes.

Nas últimas semanas a Consellaría de Educación anunciou a súa vontade de suprimir o permiso de 3 días para indisposicións leves. Esta supresión implica outra redución salarial, pois obrigará a utilizar o suposto de baixa médica co desconto correspondente nas retribucións. Alégase que a supresión tería como única finalidade acabar cos abusos. De existir algún abuso é responsabilidade da Inspección Educativa cortalo, mais non debería servir para estigmatizar, como intenta o conselleiro, todo un colectivo. Escribimos conscientemente "intenta", xa que numerosas enquisas mostran que o labor d@s docentes do ensino público é un dos mellor valorados pola poboación. A maioría da sociedade confía no noso labor e nós agradecemos esa confianza.

*Presidente da Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra