Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Esquecer para vivir

En innumerables ocasións escoitei esa pleistocénica frase de "perdoo, pero non esquezo" e case sempre presentada coma se fose un modelo de virtude.

Por suposto que ocasións perdoar é difícil, case heroico; e máis difícil, se cabe, perdoarse a un mesmo. Si. Neste mundo hai demasiada xente que vive amargada contra si mesma, que non se perdoa os seus propios desacertos e fracasos e que enche o seu corazón de rancor e resentimento que frecuentemente se manifestan en agresividade cara aos demais. E esa xente na que penso, que se pasa a vida lembrando, pensando e repensando os seus propios erros, o único que consegue é mostrar un sutil e soberano orgullo. Certo que hai males que nos magoan anos e anos pero non porque sexan profundos senón porque non deixamos de asistilos e cebalos dándolles voltas e máis voltas.

Sen dúbida que unha das cousas máis tristes desta vida é esta xente serva e escrava dos seus rancores. Esa que en lugar de vivir parece que naceu só para lembrar o malo (o propio e o alleo) e aos poucos se autocondenan á tristeza, sofren dobremente e entristecen aos que lles rodean.

Dicía Unamuno, coido que con razón, que "hai que esquecer para vivir porque hai que deixar oco para o vindeiro". Sabemos que o corazón do ser humano é moi pequeno e se o enchemos de rancores (grandes ou pequenos) chegará o momento no que será incapaz de amar e, por suposto, de deixarse amar. E aí, nese intre, xa coa alma arrestada, pode un darse por morto.

Eu creo nun Deus que decidiu adicar toda a súa existencia a amar e xa non ten tempo de lembrar o meu mal. E como perdoar é sempre a consecuencia lóxica de comprender agradezo crer en Alguén capaz de comprenderme, que é máis rápido El en perdoarme que eu en ofendelo. E se non se lembra nin Deus? quen son eu?

Compartir el artículo

stats