Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cabalos en Turonio

Foi admirábel ver tanto cabalo invadindo o areal de Navia, hoxe coñecido por Praia de Samil. Vigo, e a Terra de Turonio, é un espazo importante de concentración de cabalos en Galicia. Outro éo hinterland de Ferrol. O eixo Vigo-Ferrol non depende só da construcción naval.

En Vigo hai un curro de bestas bravas, no Galiñeiro, na cidade universitaria pace hoxe a grea. Vigo é Turonio facturan un alto número de polizas de seguro de cabalos. Sempre hai que facer memoria da que os autores clásicos latinos admiraban os cabalos galegos. Tampouco debe esquencerse que a única raza cabalar que aparece mencionada no Quixote é a das "facas galicianas". Centos de cabalos ben montados por mozos e mozas ocuparon a praia de Samil. En Vigo a monta e cría de cabalos son prácticas ancestrais. Pero tamén traballan as disciplinas da máis alta equitación e se preparan cabalos deportivos de élite.

A cidade de Vigo iniciou un concurso hípico internacional de saltos no ano 1910, pero inexplicabelmente deixou de convocarse no ano 2001.Logo, o nome de Vigo eccou no planeta hípico coa Copa do Mundo, que enchou a feira de Cabral desde o ano 2002 ao 2010. Na memoria de Vigo está gravada a figura de Francisco Goyoaga gañando, no campo do Lagares, en Balaídos, todas as probas. Os cabalos Irish Rover ou Riffifi foron ídolos dos espectadores vigueses. En Vigo morreu aquel cabalo de Goyoaga, de nome Fanenköning, co cal o campeón gañara gloria nas Olimpiadas. Nas copas do mundo desputadas en Cabral, os vigueses (da cidade e da bisbarra) demostráronlle aos grandes xinetes e amazonas internacionais seren os máis doctos e finos espectadores hípicos do mundo.

Non nos debe admirar, no territorio de Turonio, entre a Ría e o Miño, que houbese domingo pasado tan alto número de persoas montadas na Praia de Samil e na cidade. A pregunta é esta: por que o concello de Vigo fixo desaparecer o concurso hípico internacional de saltos e mais a copa do mundo? Coido que alguén debería explicar isto aos afeccionados e a toda a cidade. O prestixio internacional de Vigo quedou diminuido con tales perdas.

Compartir el artículo

stats