Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

O Coto do Mosteiro, un castro esquecido

A mediados da década de 1980, concretamente nos anos 1984 e 1985, o arqueólogo Luis Orero Grandal dirixía as únicas escavacións levadas a cabo ata o momento no castro coñecido como Coto do Mosteiro. Pese a que os traballos arqueolóxicos proporcionaron datos moi relevantes para a investigación, o castro segue a ser un dos grandes descoñecidos polos ourensáns, mesmo polas xentes da Terra do Carballiño, onde de localiza.

Seguramente no estado actual de abandono, xunto co descubrimento tardío do castro, resida a causa principal dese descoñecemento. Na actualidade está cuberto pola matogueira, que oculta gran parte do xacemento, incluídos os vistosos paramentos das súas murallas, chegando a dificultar a identificación do asentamento por parte dos profanos na materia.

Á vista diso é fácil deducir que non se atope nas mellores condicións para constituír un lugar atractivo para as visitas, o que redunda no progresivo esquecemento por parte dos potenciais interesados en coñecer os asentamentos protohistóricos deste tipo existentes tanto na nosa provincia como na antiga Gallaecia.

O Coto do Mosteiro é un dos numerosos castros, poboados dos antigos galaicos que moraban na actual Galicia e no norte de Portugal dende os séculos anteriores á conquista romana, aproximadamente a partires do século VIII a. de C. Representan o que arqueolóxicamente coñecemos como "Cultura Castrexa".

A primeira referencia constatada sobre o Coto do Mosteiro procede do tomo nº XI do "Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar", de Pascual Madoz. Describindo o lugar San Pedro de Mosteiro recolle, entre outros datos, a existencia dunha fortificación de época incerta, cuxa autoría atribúe incluso aos romanos. A segunda será unha noticia do diario La Región de 1976 sobre as destrucións provocadas pola apertura dunha pista.

Máis tamén contamos con boas noticias, como as dúas campañas de escavación realizadas e o novo e merecido grao de consideración que chegará a acadar. Efectivamente, no ano 2007 a Xunta de Galicia iniciou o expediente de declaración deste xacemento como Ben de Interese Cultural (BIC), a máis alta categoría de protección, xunto con outros dezaoito castros de Galicia. Na provincia de Ourense ademais do Coto do Mosteiro, inclúense os de San Cibrán de Las (San Amaro- Punxín), Santomé (Ourense), Castromao (Celanova), Saceda e San Millán (os dous en Cualedro). No ámbito científico foi esencial a publicación de Luis Orero "Castro Coto do Mosteiro. Campañas 1984/85", editada pola Xunta de Galicia no ano 1988 dentro da colección Arqueoloxía/Memorias.

Aínda que hoxe non é un xacemento visitable, podemos achegarnos a el pola estrada OU-401 que dende O Carballiño atravesa Arcos. Rebasados os lugares da Piteira, Valeira e Souto, moi cerca atopamos un desvío á marxe dereita que conduce ao lugar do Mosteiro. Neste mesmo cruce, a menos de cen metros del, atópase o castro.

Cando nos achegamos vemos que conta cunha situación topográfica que non destaca excesivamente na súa contorna. Foi edificado sobre unha suave elevación rochosa sobre a que as propias estruturas do poboado forman un couto artificial.

Agora a vexetación agocha o potente complexo defensivo, formado por grosas murallas escalonadas, terrapléns e fosos, defensas que os moradores do castro foron modificando nos tempos en que estivo habitado, o que aconteceu aproximadamente entre os séculos IV a. de C. e o século I d. de C. O escavador cree que a calidade estética das murallas engadiría un certo carácter de prestixio ás inherentes funcións defensivas que estas tiñan, protexendo un recinto case circular duns sesenta metros de diámetro.

No seu interior, as vivendas atopadas foron escasas, reducíndose a unha edificación circular e outra cuadrangular. Esta última tiña un piso de terra repisada. Conservaba a lousa do fogar para o lume e zócalos irregulares tanto no exterior como no interior das súas paredes, feitas de cachotería.

A escaseza de dependecias dentro do recinto, así como a aparición de restos de barro de enlucido, fai pensar ao investigador que deberon existir outras construcións feitas con material perecedoiro.

Como a maioría dos castros tamén a contorna do Mosteiro é propicia para as actividades agrícolas e gandeiras. Da explotación agropecuaria poden ser indicativos os numerosos fragmentos de muíños circulares atopados de man, un gancho da herba, unha folla de fouce, etc., así como restos de landras e grans de trigo.

Ao respecto e como moitos de vostedes xa saben, o xeógrafo grecorromano Estrabón, que viviu entre o 63 a. de C. e o 24 d. de C., fala dos pobos galaicos como montañeses que xeralmente comen carne de castrón, que viven na maior parte do ano de tortas que fan con fariña de landras e que beben cervexa, porque non producen viño. Ademais cociñan con manteiga, porque tampouco coñecen o aceite. Algúns achados cuestionan a veracidade total desta descrición, posto certas escavacións en castros si que documentan a produción de trigo. A lectura crítica dos textos e Estrabón considera estas descricións como unha especie de propaganda para describir simbólicamente a vida precivilizada dos galaicos, valorando como algo positivo a conquista romana, que el identifica coa expansión civilizadora entre os pobos bárbaros que Roma vai sometendo.

Reparemos que a tríade bellotas-cervexa-manteiga oponse a outra formada por trigo-viño-aceite, alegoría da civilización, mentres que a primeira vese como indicador de barbarie. Fíxense vostedes incluso no simbolismo destes produtos: segundo o dogma, o misterio da Transustanción transforma o viño e o pantrigo nada máis nin nada menos que no sangue e o corpo de Cristo. O aceite, os Santos Oleos, utilízase para bautizos, confirmacións, comunións, consagrado de altares e igrexas e, incluso, para unción de enfermos, é dicir, nos rituais principais da Igrexa Católica.

En todo caso, é indubidable que Roma representa a sociedade estatal, modelo estandarizado pola historiografía como paradigma da civilización, mentres os galaicos considéranse como agrupacións de grupos xentilicios preestatais e, por tanto, bárbaros dende os ollos da Historia, conceptos que como saben, non son inherentes a cualidades morais, se non a etapas históricas.

Pero de volta no Coto do Mosteiro, dicir que entre os materiais atopados no interior do castro, na actualidade conservados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, destacan os que teñen que ver coa actividade metalúrxica.

De feito, nas escavacións realizadas no decurso das dúas campañas, destaca o achado dunha gran cantidade de fragmentos de moldes para elaborar obxectos metálicos, especialmente de bronce. Gran parte apareceron agrupados xunto a muralla orientada ao nacente, cun fermoso aparello helicoidal. Mais tamén se exhumaron outras pezas que teñen que ver con esta actividade altamente especializada, como escouras de fundición de bronce e de ferro, fragmentos de crisois e de fornos.

Mais non só iso, se non que recuperáronse outros elementos singulares, especialmente significativos para valorar a posterior transformación do metal. Refírome a unha peza de xisto con motivos gravados circulares para ornamentar por repuxado láminas de metal. Outros, para elaborar fíos metálicos.

O nome do xacemento procede do lugar inmediato, O Mosteiro, e este á súa vez da existencia dun mosteiro de monxas bieitas en Lobás, cuxa existecia constátase entre os séculos XII e XV.

Non queremos finalizar sen unha sucinta referencia ao director da escavación, Luis Orero Grandal. Quizá sexa o arqueólogo en activo máis veterano de Galicia que fai traballo de campo, profesión que compaxina coa de Arqueólogo Municipal de Celanova. Entre as súas numerosas intervencións moitos de vostedes lembraranno polas súas campañas consecutivas de escavación e mantemento de Castromao. Tamén no Castelo de Ribadavia.

Pero a súa aportación para coñecer a antiga cidade de Ourense foi crucial. Baixo a súa dirección realizáronse, entre outras nesta contorna urbana, o control arqueolóxico de recuperación da Ponte Loña, con Manuel Durán Fuentes e a escavación da capela da Venerable Orden Terceira franciscana (actual albergue de peregrinos de San Francisco). Para o coñecemento da cidade romana destacamos as escavacións do patio do colexio das "Josefinas" (ano 1996) e a do xardín do Posío (en 1998).

No Colexio San José, ao carón das Burgas, exhumou parte dun complexo termal con estruturas de baño datadas entre o século II d. de C. e mediados do IV d. de C. Outra parte destas mesmas estruturas foi escavada anos máis tarde no decurso do proxecto municipal de recuperación das Burgas.

A do Posío, do ano 1998, veu confirmar os datos de Florentino Cuevillas no ano 1934, quen coa información de Manuel Martínez Sueiro falaba da descuberta de materiais arqueolóxicos xunto ao Posío e na beira do Barbaña. Luis Orero atopou alí numerosos restos galaicorromanos: vaixelas de mesa (terra sigillata), cerámica común e tellas planas (tegulae), así como unha sepultura tardorromana de cabalete, datada ao redor do século V d. de C. Eses restos fano pensar na moi posible existencia dun asentamento dos séculos I-II d. de C., tanto no lugar como nas proximidades.

Como colofón queremos alertar sobre o abandono deste importante xacemento que está en proceso de acadar a categoría de BIC, hoxe cuberto por unha vexetación que impide ver as súas impresionantes estruturas defensivas, especialmente as murallas escalonadas e con coidados paramentos, algún dos seus tramos cunha canle de drenaxe perimetral, e os fosos, totalmente colmatados pola terra.

Sen dúbida este castro metalúrxico da nosa protohistoria pode aportar un marchamo de calidade ás xa fermosas Terras do Carballiño. Os excelentes traballos de Luis Orero dan conta diso.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats