Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Estado laico. Si!

Achégase a campaña electoral co tradicional overbooking de promesas, afirmacións e explicacións. E como case sempre un dos temas máis manidos polos que se adican á tarefa do servizo público é e será, está a selo, a laicidade do Estado.

A destra e a sinistra repítennos unha e outra vez que hai que traballar en favor dun Estado Laico. É curioso este empeño xa que logo, aínda que queiran que creamos o contrario, o noso Estado é laico, como os seus cidadáns. Aquí, como indica a Constitución e demais leis vixentes, o Estado é aconfesional ou, o que é o mesmo, non ten relixión oficial. E esta aconfesionalidade garante a liberdade e a protección da mesma considerando o relixioso como un factor positivo e por tanto enriquecedor para unha sociedade democrática; pero o Estado en si, repitamos, é a-confesional. Certo que isto será atacado por todo aquel que prefira defender o laicismo estatal que o fará desde o presuposto de que a fe só pode ser un elemento bloqueador no crecemento social e alimentador dun fanatismo insustentable. Poderá ser discutido, pero sen negar a laicidade real da nosa sociedade.

O que non podemos aceptar en ningún caso é o que fan algúns que, amparándose equivocadamente nesta aconfesionalidade do Estado, apoian e favorecen descaradamente unha confesionalidade estatal, unha relixión oficial na que caben, sen ir máis lonxe, estupideces tan sobresaíntes como un Nadal laico ou un bautismo e unha comuñón igualmente laicas. En definitiva: unha relixión sen Deus e sen vida despois da morte pero que ocupe as almas dos cidadáns do mesmo xeito que calquera outro credo. Así deixan atrás a teocracia de outrora (en vigor aínda en moitos países) inaugurando no mesmo instante unha ideocracia, cos seus correspondentes dogmas, institucións sacras, ritos e sacerdotes.

Temos que defender este Estado laico que garante o espazo para a liberdade de relixión e conciencia de cada cidadán podendo este propoñer libremente a súa concepción do ser humano e da vida en xeral. E non admitir a imposición, por camiños mediáticos ou lexislativos, da ideoloxía dos gobernantes que só procura destruir a laicidade da sociedade para construír sobre as súas ruínas un Estado propagandista.

En favor da liberdade e a igualdade de todos, sexamos ou non crentes, hai que seguir defendendo que Estado e Relixión son realidades fundamentalmente distintas e, na mesma medida, distantes. Estado laico, si, laicista non.

Compartir el artículo

stats