Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Magistrado y coportavoz de Jueces para la Democracia

Unha reforma insuficiente con aspectos positivos

Ao longo deste ano ata cinco leis teñen afectado á regulación do proceso penal. É imposible valoralas sen por de manifesto a necesidade dunha reforma integral e sistemática de forma urxente. A actual regulación legal é o resultado de sucesivas reformas, en distintos momentos e con distintas filosofías, sobre un texto orixinario do s. XIX. Esa suma caótica fai que convivan normas de difícil harmonización, ao tempo que deixa espazos sen regulación satisfactoria.

As decisións sobre o proceso penal, son decisións fundamentais que afectan ao ámbito de poder que se queira conceder nunha sociedade ás súas diversas instancias punitivas (policía, fiscalía, xudicatura) e que inflúen de forma definitoria no espazo de liberdade da cidadanía. Definen as regras polas que o Estado pode privar á cidadanía dos seus bens máis prezados (liberdade e patrimonio). Deciden quen e cómo pode investigarnos, pode acusarnos e pode condenarnos. Os riscos son evidentes: condenar inocentes e non saber, ou poder, perseguir delitos. As garantías procesuais pretenden salvagardar a dignidade de cada persoa e reducir as probabilidades de inocentes condenados e delitos non perseguidos ou aclarados. Que se atribúa a investigación ao Ministerio Fiscal ou aos xulgados de instrución, que se delimite as posibilidades desa investigación e os seus límites, que se defina a forma de axuizamento e de recursos contra as decisións xudiciais, son todos campos de xogo do espazo de liberdade cidadá que non poden seguir dependendo de reformas parciais. Por iso, debemos comezar por lamentar que non se afronte unha reforma integral que clarifique eses diversos aspectos.

É difícil unha valoración global das reformas, ao tempo que serían moitos os aspectos concretos a salientar. En todo caso, debemos recoñecer que esas reformas conteñen aspectos positivos e que clamaban dende fai tempo por unha regulación como a afrontada.

Mención positiva merece a regulación do dereito de defensa da persoa investigada. A intención de toda regulación procesual penal sempre debe ser evitar no posible os erros derivados de condenar a un inocente. Evitar equivocarnos. E a mellor forma é que no proceso a persoa acusada poida discutir esa acusación, poida rebater as probas contra ela, achegar as súas probas e abrir así un verdadeiro debate. Arrastramos culturalmente unha errónea equiparación da persoa sospeitosa á persoa culpable. É necesario un verdadeiro cambio cultural que asuma que ser sospeitosa non converte en culpable a unha persoa, que o erro na atribución, xa sexa policial xa xudicial ou fiscal, é unha posibilidade sempre. Da mesma forma, só a asistencia letrada plena asegura que ese debate sexa real. De aí os cambios no estatuto da persoa detida ou investigada que afronta a lei, esixidos, non o esquezamos, por Europa. É un paso na boa dirección dun proceso máis xusto, pero tamén máis eficaz fronte ás visións que pretenden, dende ideoloxías ben concretas, contrapor sistematicamente eficacia e garantías. Así, podemos destacar, a necesidade de que, antes de tomarlle declaración a unha persoa, esta poida coñecer de qué se lle acusa e con qué elementos se lle acusa, única forma de poder discutilos e indicar elementos contrarios á acusación.

Outro aspecto sen dúbida positivo é afrontar a regulación das intervencións das comunicacións e outros medios de investigacións relativos ao mundo das tecnoloxías. Vivinos a través de internet e de aparellos cos que nos comunicamos e nos que depositamos a nosa intimidade, sendo tamén cada vez máis doado invadir a mesma. Pero tamén eses novos espazos son empregados para cometer delitos. A eficacia da persecución penal require regular esas intervencións. Afrontar a regulación dos medios de investigacións tecnolóxicos, como fai a reforma, é, sen dúbida, positivo. Para poder perseguir delitos é preciso empregar os medios tecnolóxicos, e parar poder usalos libremente saber que só serán intervidos con base nunha regulación legal precisa que nos asegure como cidadáns a nosa intimidade.

Dúbidas, sen embargo, presenta a regulación de dous aspectos contemplados nesta reforma. Por unha banda a imposición de prazos á investigación. É necesario mellorar os tempos das investigacións, e un paso positivo da reforma é limitar as chamadas macrocausas que non parecen ter nin obxecto nin fin coñecidos. Tamén é preciso definir un rol máis activo da Fiscalía no control das investigación, como a propia Fiscalía tiña indicado en recentes Instrucións internas. Agora ben, tal como se ten operado a reforma, sen reasignación ou reorganización de medios, cunha técnica cuestionable e con prazos excesivamente curtos, merece un claro reproche. Resultará necesario case con total seguridade repensar esa decisión dentro de pouco tempo.

Non podemos rematar sen advertir que a saturación dos xulgados penais ten relación directa cun exceso da resposta penal reiterada na reforma do Código Penal deste mesmo ano. O exceso no número de condutas sancionadas e a deficiente redacción da definición dos delitos non permitirá obter a redución da carga do xulgados penais que se di procurar con algunhas das reformas realizadas.

Compartir el artículo

stats