Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lembranzas do meu profesor Carmelo Doñate desde India

Grazas a un correio electrónico que me enviou o seu fillo, veño de inteirar-me da triste notícia do falecimento con 88 anos de idade de Juan Carmelo Doñate Doñate, un dos mellores profesores que eu teve na miña vida, ao que muito apreciava e admirava. Desde outubro de 2010 estou pre-xubilado como profesor numerário da Faculdade de Educación de Ourense (Universidade de Vigo). Isto me permite pasar seis meses cada ano (normalmente de outubro a abril, na época de mellor clima) en pleno corazón da Bengala indiana, no lugar de Santiniketon, que significa "Morada da Paz", onde Tagore criou en 1901 a primeira Escola Nova do Oriente, e en 1921 unha Universidade Internacional con o nome de Visva-Bharati, que significa "Sabedoria Universal". Aquí investigo no seu museu-biblioteca sobre a grande figura de Tagore en todas as suas facetas de literato, músico, pintor, filósofo e, especialmente, educador. Ademais abrín no mesmo campus a primeira Casa da Galiza da India, na que organizo actividades educativas, lúdicas e artísticas para perto de 40 nenos e nenas "santales" de tribus que non teñen casta. A casa serve tamén para acoller a estudantes, docentes e outras persoas que hipotéticamente veñan da Nosa Terra coñecer Bengala e a India. Con prioridade, para as persoas que pertencen á asociación Amigos da Casa da Galiza da India, da que a primeira sócia é precisamente de Lalín, Mª Carmen Aparicio, que foi en Ourense alumna miña e é a nai do actual alcalde da vila. A que muito aprécio, como tamén apreciava ao seu esposo Pepe, grande amigo meu, persoa que tanto fixo polo seu povo.

Por todo isto que veño de reseñar non puiden coñecer a notícia do pasamento de Doñate, que me encheu de tristura cando a coñecín. Sei que levava un tempo ingresado nunha residência de Compostela, con graves problemas de saúde. Por diversas circunstáncias, nos pasados meses non puden visita-lo, como era o meu desexo. En anos anteriores, cando desde a miña aldeia de Corna (Piñor de Cea), me acercava a Lalín, sempre o visitava, e muitas veces acompañado de meus pais Juan e Rosa. Era un prazer estar con ele e con a sua esposa Dolores Arrazola. A sua filla Mª Esther, foi unha excelente aluna miña na Escola Normal de Ourense, e sei que leva vários anos exercendo de mestra de forma maxistral, como maxistral era Doñate como profesor de Organografia e de Ganaderia no Instituto Laboral Ramón Maria Aller Ulloa, do que tamén foi durante bastantes anos un excelente director. Eu tiven a grande sorte, que en grande parte lle devo a meu pai, de estudar neste Instituto, a vinte quilómetros do lugar onde nacín. No verao de 1958 marchei para Lalín para preparar o ingreso no Instituto, tendo tamén a sorte de ter como mestre a outro educador excelente como era Manuel Rivero. Durante os cinco anos (de 1958 a 1963) que morei na capital do Deza, vivín nos cuartos do Bar Galicia da Cacharela, muito perto do centro de estudos, rexentado por Celso González e sua esposa Sara Carvallude, grandes amigos de meu pai. Foran cinco anos extraordinãrios, cheios de anécdotas agradáveis, nos que me formei como persoa e muito aprendín. Tanto, que mesmo cando fixen con quince anos o ingreso na Normal de Ourense, no examen oral, o profesor de Filosofía, Manuel Albendea, polo nível que levava, me perguntou sobre onde tiña estudado o bacharelato. Síntoma claro da valia dos docentes que tiven en Lalín e da completa formación que davam os Institutos Laborais. E tamén da excelente direción e docéncia de un grande profesor como era Juan Carmelo Doñate. Eu pertencia ao curso, no que, entre outros, tiven como compañeiros aos Menéndez Gancedo, Rocha, Sanmartín, Cornado, Pita, Chorén... Unha das lembranzas mais agradáveis que teño, ademais de outras muitas, era que os 22 estudantes que formavamos o noso curso, estavamos divididos exactamente en dous grupos de 11, dos que uns eramos seguidores do Barcelona e o outro grupo do Madrid. Cáseque que todas as tardes xogavamos un partido no campo do Instituto, no que o noventa por cento das veces o trunfo era para os que eramos barcelonistas. Eramos rivais no desporto, mas muito amigos na aula.

No ano 2004 participei nos actos do cincuentenário do noso Instituto, que de algunha forma foi unha pequena homenaxen a Doñate, encarregado de descobrir a oportuna lápida comemorativa, hoxe no Instituto de FP Laxeiro. Entre outros, alí estivemos Mouriño, Palmou (compañeiro meu de parróquia e de escola na Corna), Pepe Cuíña, que estudava 1º cando eu facia 3º, e o que suscreve. Na miña intervención lamentei a ausência nos actos de António Losada, outro grande profesor, que foi secretário do Instituto muitos anos, con Doñate de director. Infelizmente, a Doñate non se lle fixo unha grande homenaxen en Lalín como ben merecia, por todo o que fixo pola comarca do Deza e por muitas xeneracións de estudantes lalinenses e dezanos. E, como dicia Ben Cho Shey, as homenaxens temos que face-las en vida. Agora hai que organiza-la a título póstumo. Eis unha decisión que ten que adoitar o concello lalinense, hoxe presidido por un fillo de Pepe Cuiña, que tamén muito queria, como eu, a Doñate. E tamén hai que contar coa colaboración da sua família: esposa Lola, fillos Juan Ignacio e Pedro Manuel, filla Mª Esther e filla política Rosa Mª Nieto. Mesmo criando en Lalín unha Fundación Doñate.

Os grandes valores de Doñate:

Quero escrever no seu dia unha ampla monografia sobre Doñate, sobre o Instituto Laboral, o seu labor e os seus docentes, que desde hai tempo teño pendente de facer. Nun pequeno depoimento como este, desexo resumir en cinco aspectos a profunda valia de Doñate:

1.-Como profesor era extraordinário, e muito nos ensinou a todos. Aínda me lembro hoxe do que aprendín nas suas clases sobre plantas, animais, o corpo humano, os tecidos corporais, a célula, os aparellos circulatório, reproductor, muscular, o esquelete e, especialmente, os insectos (apterigógenos, arquípteros, ortópteros, hemíteros, himenópteros, coleópteros, lepidópteros, dípteros, afanípteros e neurópteros). De forma maxistral, cando chegava a primavera, nos mandava facer unha colección de insectos nunha caixa de madeira, técnica didáctica excelente que provocava a nosa investigación no noso própio entorno natural. A mellor maneira de ensinar e praticar o método científico de pescuda. Na Bengala indiana onde me encontro agora, sempre me lembrei muito de Doñate, pois a riqueza natural que aquí existe é fora de série, plantas, flores, árvores, animais de todo o tipo, páxaros de lindos trinos e cores e insectos variadísimos (dos que os piores son os mosquitos).

2.-Como director, poucos o poden igualar, porque superar é de todo imposíbel. Nos anos que dirixiu o Instituto se preocupou en todo momento pola calidade do ensino do seu centro. Grazas a ele existen publicadas unhas formosas Memórias anuais do Instituto (eu guardo como ouro en pano as da miña época), repletas de dados, de informacións, de fotos, un documento único para comprobar o valioso que foi o ensino no seu e noso Instituto.

3.-Doñate non só era defensor de unha rica educación formal nos seus alunos. Tamén, como o pedagogo Cossío, defendia a educación informal, mais valiosa do que as persoas podan imaxinar. E para iso no Instituto se organizavan infinidade de actividades educativo-culturais: teatro, cinema, concursos de carteis e postais, saídas escolares, xardineria, festivais, audicións musicais, semanas culturais, exposicións de traballos manuais, celebración de datas sinaladas, ciclos de charlas e conferências e, especialmente, excursións para coñecer a Nosa Terra (as rias galegas, as cidades, Oseira, a bacia do Miño, etc.) e tamén outros lugares como Portugal e Madrid. Todos os anos ao final do curso organizava unha excursión motivadora, á que acudian os alunos mellores nos diferentes cursos. Ademais apoiava a participación dos seus estudantes de forma gratuita en campamentos, o comedor para os estudantes das localidades próximas a Lalín, e bolsas económicas para o pagamento dos billetes de autobús aos alunos de mais lonxe.

4.-Como persoa, os seus grandes valores éticos, a sua rectitud, o seu compromiso, o amor pola terra, aínda sendo turolense, a sua dedicación plena á educación e a Lalín, onde morou sempre, e nunca aspirou a sair deste lugar. Incluso, durante un tempo, sendo alcalde o seu amigo Luis González Taboada (persoa tamén muito importante para a vila, que sempre apoiou o Instituto), foi concelleiro do município lalinense.

5.-Finalmente, o seu profundo sentido social, apoiando o mundo rural e aos cidadaos que mais axuda necesitavan. Neste senso, quero destacar muito en especial a loita que sempre levou nas reunións provinciais en Pontevedra para lograr que os estudantes do rural dezano puderan disfrutar das bolsas de estudos, que eran os que mais as necesitavan, e non tanto os de ámbito urbano. Eu mesmo lle devo en este tema muito, pois desde terceiro curso puden disfrutar de unha destas bolsas, que por ser un bon estudante a mantive todos os anos seguintes no Instituto, na Normal e na Universidade, até o fin dos meus estudos superiores. Port isto, eu non teño forma de pagar a Doñate o que por min fixo. E tamén por outros muitos dos seus alunos. Mesmo se preocupava, sabendo do insalubre que era, de que non fumásemos, vício grave que normalmente se colle de adolescente. Ou organizando polas tardes, de forma voluntária, e ao que non estava obrigado, clases de dictados e redaccións para mellorar a nosa escrita e a nosa ortografia. Porque sabia que esta era unha deficiência corrente entre os que iamos do rural.

*Profesor numerario xubilado da Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats