Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Neira Vilas, na lembranza

A historia da literatura galega construíuse, en non poucas ocasións, a partir de capítulos asombrosos e, por veces, inexplicables, como o constituído polo feito da irrupción auroral de Rosalía de Castro en pleno século XIX, quen escribe e publica, ante os ollos admirados do mundo, "Cantares gallegos". Foi este, naquela altura, un poemario vindicativo e audaz, por estar escrito nunha lingua daquela totalmente ninguneada e pola propia condición de muller da súa autora, que publica o libro de poemas co seu nome real, e non baixo o dun pseudónimo masculino, acto de disfrace tan común na época.

"Memorias dun neno galego" pertence igualmente a este xénero de obras. Son as memorias dun neno, que por neno nunca abandona unha visión adánica do mundo, pero que proxecta unha mirada insolente: gábase da súa condición de labrego, cuestiona as inxustizas sociais que padecen os da súa condición na Galicia do seu tempo e pregúntase, como xa fixera o sabio Padre Sarmiento 200 anos atrás, por que a lingua de seu, que é a lingua de todos os demais escolantes da aldea, non é tamén a lingua da escola.

Que as Memorias foi un libro ateigado de acertos (literarios e non literarios) quedou demostrado co éxito editorial que colleitou, sen parangón na historia da literatura de noso. Tales acertos debéronse á mestría creativa e ás virtudes humanas do autor, Xosé Neira Vilas, quen naqueles anos que comezou a escribir as peripecias do neno aldeán Balbino, despois de case dúas décadas de emigración, dedicaba as súas horas e os seus días, xunto coa súa inseparable Anisia Miranda, á esforzada tarefa da promoción da literatura e do libro galegos na Arxentina, a través da editorial Follas Novas.

Xosé Neira Vilas finou onte na súa na Casa do Romano, en Gres, Vila de Cruces, o lugar que o vira nacer e onde atoparía a serenidade e a merecida paz despois de longos anos de emigración en diferentes países de América. Tras gañar a vida e andar á procura de saberes e experiencias novas, regresaba á solaina natal, tal coma un Ulises contemporáneo, para compartir coa súa xente canto aprendera, sentira e vivira. Non quixo gardar para si todo ese tesouro, nin usalo para establecer unha torre dende a que mirar dende o alto o mundo e as persoas que o habitaban, senón que ata o últlimo día da súa vida traballou arreo na construción dunha obra literaria que perseguiu sempre a dignificación da emigración e das persoas humildes.

Creo que todas as persoas que, en maior ou menor medida, o tratamos compartimos un mesmo sentimento gardado no recordo: Pepe era un home bo e xeneroso. A bonhomía vestíao da cabeza aos pés, un traxe que nel era coma unha segunda pel. Pero Xosé Neira Vilas constituía, por enriba de todo, un exemplo sobranceiro de xenerosidade e de preocupación activa pola cousa pública de Galicia.

Mantiven con el unha relación estreita, que se viu alimentada seguramente pola nosa condición de veciños con xeografías e afectos comúns. As longas conversas que mantiñamos ambos cando nos viamos acababan derivando sempre na que foi para el, máis ca unha preocupación, unha reiterada obsesión. Unha e outra vez o tema fundamental do noso diálogo terminaba versando sobre a necesidade de poñer en valor o mundo rural, co obxectivo de que fose atractivo e de que a xente que marchara para as cidades volvese morar nel. Así era este gran amigo.

Galicia enteira chora hoxe o pasamento dun dos seus intelectuais máis ilustres, cuxa principal contribución foi lograr convencernos de que o xenio creador dos galegos e galegas merece ter un lugar no mundo da cultura e das artes universais sen que medien complexos de ningunha índole. Xosé Neira Vilas constitúe, por isto, no sentido brechtiano da expresión, un home imprescindible na historia da literatura e da memoria cívica en Galicia. Xusto é que se lle recoñeza e agradeza a súa condición humana e creativa, o ronsel do seu compromiso coa terra e coa xente e o canto que fixo dunha Galicia próspera e reconciliada coa súa cultura e coa súa historia.

*Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Compartir el artículo

stats