Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un referente no espertar das conciencias

Aínda conmovida pola desaparición de Neira Vilas, quero expresar a través deste texto o meu cariño polo amigo e a admiración polo traballo de escritor deste home que, como un bo labrador da aldea que lle deu vida, non deixou de traballar ata que as forzas non lle permitiron bater nas teclas da súa Olivetti-lettera 35.

Xosé Neira era un home especialmente afable, un gran vitalista, amigo dos amigos e das amigas, que tiven a sorte de coñecer por correspondencia no ano 1967, cando el vivía na Habana e eu preparaba a tesiña sobre a Nova Narrativa galega. Incluín tres das súas obras neste movemento: "Xente no rodicio" (1965), "Camiño bretemoso" (1967) e a "Muller de ferro" (1969) e con ese motivo escribinlle. Respondeume axiña, estaba feliz de que a súa obra aparecese xunto á de autores máis novos que facían unha narrativa moderna. Nestes primeiros libros xa están reflectidas as súas preocupacións: a afirmación da identidade galega, a realidade da miseria e do caciquismo do mundo rural e a dureza da vida da xente que emigrara para fuxir da miseria. E nelas o autor de Gres utiliza algunha das novas técnicas narrativas que se estaban a introducir na narrativa hispánica: o monólogo interior, a ausencia de referencias espaciais ou a polifonía de voces.

Escribímonos durante anos e el mandábame libros da Casa de las Américas e números da revista Unión, Revista de la unión de escritores y artistas de Cuba, editada polo Instituto del Libro de La Habana, que para min eran auténticas xoias. Nas páxinas desa revista podíase coñecer o que se estaba publicando en países absolutamente descoñecidos para nós, os chamados "del telón de acero", mais tamén ler artigos de autores franceses e de países latinoamericanos que non nos chegaban por outras vías. Neira Vilas fíxome chegar, tamén, para as miñas fillas, "O cabaliño de buxo" e "Espantallo amigo", nas varias edicións en que se publicaron. Libros de cabeceira que lían unha e outra vez. Despois foi "Memorias dun neno labrego", o libro máis lido da historia do noso país, que tivo un amplísimo lectorado. O Balbino de ideas marxistas que fuxiu da aldea para non soportar as inxustizas dos caciques tíñanos admiradas.

Xosé Neira, obrigado a emigrar da súa terra, conectou coa diáspora galega en Bos Aires e na Habana, onde mantivo, cultivou e difundiu o tesouro da nosa lingua e da nosa cultura, escribindo e creando organizacións. Foi, sen dúbida, esta fidelidade ás súas orixes a forza que espertou en nós a admiración pola súa figura e suscitou a esperanza nunha posible Galicia sen fronteiras.

*Catedrática da Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats