Arremedando o título da obra máis coñecida do finado Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, e atendendo á petición que me fan de Faro de Vigo para honrar ao máis recoñecido dos escritores de Deza e mesmo de Galicia, permítaseme lembrar aquí a miña vivencia persoal encol do admirado autor de Gres.

A Neira Vilas coñecino pola súa obra a primeiros dos anos setenta. Daquela chegou ás miñas mans a primeira edición feita en Galicia de Memorias dun neno labrego, que lin dunha sentada. Afeito ás lecturas de Otero Pedrayo, Cunqueiro, Castelao, Fole e outros autores galegos, que gardaba meu pai na súa cativa pero selecta biblioteca, que custaba certo traballo ler e mesmo entender a un rapaz novo coma min daquela, o libro de Neira Vilas era sinxelo de argumento, fácil de ler, próximos e reais os seus personaxes e o tempo e ambiente rural que recreaba.

O libro andou prestado nas mans dos amigos, moitos era a primeira vez que lían en galego daquela case proscrito. Semellante circulación sufriu o libro na Escuela Naval Militar de Marín anos despois cando estiven alí cumprindo coas miñas obrigas coa Patria. Logo de pasar por ducias de mans e ter as tapas moi desgastadas polo uso, sempre procurei que volvese a min o libro que tiña e teño na maior estima de cantos posúo.

No ano 1989, fixen unha pequena biografía para o libro A Comarca do Deza que me permitiu decatarme da importante obra que daquela tiña xa realizado en América, e debeu ser uns anos despois cando tiven noticia de que coa súa dona Anisia viñeran a vivir para a súa aldea natal de Gres e alí fundaran un museo e biblioteca.

Deica o ano 1997 non o coñecín en persoa. Foi na Solaina de Piloño (Vila de Cruces) onde xunto con outros participamos convidados polo inesquecible Paco Lareo nunha mesa redonda encol da obra teatral do chorado varela Buxán.

Coincidimos logo nalgunha ocasión máis pero, malia o meu pesar, non fun eu dos achegados que compartiron con el os derradeiros anos da súa vida, coma os amigos Pedro Guitián ou Valentín García.

Á obra escrita en galego máis lida dedicámoslle en Lalín unha rúa en decembro de 2011. Insistiu o escritor de Gres en que a rúa levara este nome e non o seu propio, segundo o alcalde de entón Xosé Crespo. Se cadra agora cumpría mudar o nome e poñer á rúa o nome de Neira Vilas. Antes Memorias dun neno labrego.

Dun xeito ou doutro, de seguro que Xosé Neira Vilas estará sempre na memoria dos dezaos e na de moitos galegos, xa que como refería aquel cantor Bibiano de Voces Ceibes: "Sómente morren aqueles que non deixan semente".