Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adeus ao escritor que dignificou a emigración galega

Grazas pola rebeldía

Balbino, aquel rapaz que nos ensinou a ser rebeldes, deixounos para sempre, e toda Galicia séntese, hoxe, un pouco orfa. Co súpeto pasamento de Neira Vilas decatámonos da fortuna que tivemos de convivir cun clásico en vida: non é moi habitual que un escritor ou unha escritora acaden esa categoría de xeito tan indiscutible como se lle outorgou a el, nin que iso aconteza antes de que a morte pouse de vez os loureiros da gloria sobre a súa obra. Pero a Pepe Neira Vilas axiña se lle apuxo tal condición: ao pouco de voltaren de Cuba, el e Anisia, para instalárense definitivamente no Gres natal do autor, Pepe renaceu para Galicia. Redescubrímolo pola súa xenerosidade á hora de recorrer o país: cantos quilómetros non faría visitando escolas, bibliotecas, librerías! Nunca dicía que non. E sempre, sempre, buscando a comunicación co seu público, cos seus públicos: porque Neira Vilas era de todos nós, de todas nós, lectoras e lectores de diversa idade e condición. Para todas había un texto, e para todos había unha palabra, un agarimo e un escoitar. Iso si, o seu público favorito eran os nenos e nenas de Galicia, que tanto o arrouparon nestes últimos anos, algo máis tristeiros para el tras o pasamento da súa compañeira de sempre, Anisia. Como non ía ser un clásico, o 'noso' clásico indiscutible? A cidadanía galega pagoulle en vida, en afecto e recoñecemento, a súa xenerosidade, algo que non sempre acontece e do que nos debemos congratular.

Hoxe preguntábame unha xornalista cal é o legado que nos deixa Neira Vilas e eu respostei, con esa precipitación á que nos obriga o medio radiofónico, que el nos demostrou, coa súa obra, ata que punto a memoria pode ser o motor da ficción. Agora xa, con máis vagar, reafírmome nesa opinión e atopo nela a explicación profunda do seu éxito de público, do recoñecemento inmediato e xeral do que gozaban todas e cada unha das súas novelas. Porque ao lelas decatámonos de que nada do que nos aconteceu, como comunidade, se vai esquecer nunca: el lembrouno todo e por todos, xa para sempre, e fíxoo sen sucumbir ao engado da saudade, esa emoción tan confortable e tan paralizante. Non nos quería Pepe cidadáns convertidos en estatuas de sal, senón homes e mulleres conscientes dun presente que se entende mellor cando se coñece o pasado.

Adeus, Balbino, descasa en paz. Hoxe temos moi presente a túa lección máis importante: aquela que nos ensina que a rebeldía pode ser a chave que nos abra a porta dun futuro mellor.

* Profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago

Compartir el artículo

stats