Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Poeta en terra e en memoria

Na miña vida Carlos Oroza presentouse de súpeto e en compañía de Uxío Novoneyra. Pola década dos sesenta, o Novo representaba en Madrid o Courel vestindo unha cazadora de aviador norteamericano chamada "O Lobo". Xavier Pousa coñecera, antes ca ningún amigo noso, a Oroza. Foi o courelano quen mais fixo pola difusión da poesía do recente defunto. Démoslle terra a Oroza no cemiterio civil de Pereiró, non lonxe do panteón de Ricardo Mella e da cova terreña onde puxemos a descansar un día o Quintas, anarquista, que saiu vello de El Dueso despois de facer naquel penal vinte anos a pulso.

Non hai moito que tamén morreu Carlos Bousoño, galegoasturiano que, sempre en Madrid, iluminou a teoría da literatura coa noción de "imaxe visionaria". Xa non Vicente Aleixandre: Carlos Oroza significa naquelas letras o resplendor da imaxe visionaria. Froito da revolución surrealista, o poeta Carlos Oroza foi emparentado con Ginsberg, aínda que ao noso lle falta o elemento bíblico hereditario e mesmo a bulra do elemento bíblico hereditario.

Oroza certa noite durmiu na casa dos país de Bernardino Graña, onda a Praia de Rodeira. Tantos anos en Madrid, e, de súpeto, o son das ondas a bater no areal de Coiro ou das bruxas. Dixen que durmiu, pero aquela noite Oroza non conseguiu durmir moito pois a infancia, ao parecer, subíalle das trebas interiores coma un becho feo para lle comer o corazón.

Outra vez, estaba Oroza na oficina de traduccións de Luis Carandell, no derradeiro piso ou ático do Palacio de la Prensa, Madrid. Os tellados da calle de Libreros e, alén, de Silva Ballesta, Pez e toda aquela parte na que vivirá Rosalía con dezaoito aniños, estaban aos nosos pés. Erán uns tellados de Madrid vellos, tristes, de cor ocre suxo, moi resequidos e sen aquela flora que é usual nos lousados nórdicos de Galicia. Oroza levoume onda a fiestra. "Mira (dixo) ¡la paramez manchega!" Non sei se algunha vez Oroza posuiu a lingua galega.

En todo caso a biografía de Oroza é un puro misterio, até a súa aparición en Madrid con aqueles amigos que o serían até que, un tras outro, foron morrendo case todos. Un día foi residir a Cangas; con Alejandro, penso eu. Logo ancorou en Vigo porque descubriu que esta era a súa cidade. Tivo ollos, sen embargo, para a grandeza da montaña galega de Levante, pola cal volve a se mover o urso, na que inza o corzo e da que o lobo nunca quixo marchar. Ou sexa, o Courel. O grande home e poeta viviu entre nós e completou eiquí unha obra destinada a prevalecer.

Compartir el artículo

stats