tribuna del lector

Homenaxe ao doutor Peña Rey

27.11.2015 | 02:09
Homenaxe ao doutor Peña Rey

Para coñecermos a historia da ciencia e da medicina en Galicia publicaronse dous excelentes libros que recomendamos. Un, do historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez, titulado "Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)". Esta obra é a síntese da tese de doutoramento do seu autor, no que o lector poderá atopar unha amplísima nómina de científicos que no seu tempo acadaran un considerable prestixio alén das nosas fronteiras, e que, sen embargo, son grandes descoñecidos por unha gran maioría dos profesionais da medicina. O outro, do siquiatra David Simón Lorda, "Médicos ourensanos represalidados en la Guerra Civil y en la posguerra. Historia de la "longa noite de pedra", un relato estremecedor do asañamento con que foron tratados moitos médicos. Fusiláronse a uns, "paseáronse" a outros, e moitos foron condenados a cadea, liberándose de tales martirios os que puideron fuxir cara o exilio.

Os dous libros teñen referencias ao doutor don Manuel Peña Rey, un profesional da medicina ourensá, home de moitos saberes científicos e compromisos políticos e sociais. A súa participación en congresos internacionais acreditan a súa preocupación pola ciencia. En 1935 participa no Hotel Balneario de Mondariz, dirixido polo empresario galeguista Enrique Peinador Lines, nunha "Semana do Cáncer", na que participaran, entre outros, Roberto Nóvoa Santos, García Blanco, Martínez de la Riva e Angel Baltar, "co obxecto de cambiar impresións sobre a fundación dunha Liga Rexional en Galicia para combater o máis eficazmente posible o cancro". Posteriormente promoverán a construción dun centro oncolóxico en Vigo, que non se chegaría a facer.

O siquiatra David Simón Lorda no libro xa mencionado relata moi polo miúdo os avatares que tivo que padecer Peña Rey, militante do Partido Galeguista, desde que foi destituido da dirección do Hospital Provincial de Ourense en 1936. Aí empezou o seu calvario. Foi detido o 28 de outubro de 1937 e permaneceu en prisión en O Carballiño en distintos períodos en 1937 e 1938. Librouse de ser fusilado, pero mantívose aberto o seu expediente ata ben entrados os anos corenta, ademais de sometelo a restriccións e contribucións "voluntarias" de 5.000 pesetas para o Roupeiro da Guerra. O Tribunal de Responsabilidades Políticas o 9 de abril de 1941 declarao incurso en responsabilidade política e imponlle cinco anos de inhabilitación especial para cargos públicos de mando, confianza e directivos. Tardará oito anos en ser rehabilitado; farao o gobernador civil Vicente Muñoz Calero por intereses persoais derivados da necesidade de precisar a asistencia do médico Peña Rey para atender a súa muller.

Cando hoxe son excepcionais os casos de hospitais privados que se anuncien en lingua galega, no primeiro terzo do século pasado o noso lembrado doutor facíao na prensa de entón como "especialista en partos e doenzas propias da muller". A súa consulta médica estaba dotada xa con toda clase de modernos aparellos tecnolóxicos.

A Irmandade da Sanidade Galega celebrará o próximo día 28 dous actos importantes na cidade de Ourense. Ás 11.30 descubrirase na fachada da casa que fora do doutor Peña Rey, no Parque de San Lázaro, unha placa conmemorativa, rescatando así a súa memoria, e perpetuándoa para sempre na paisaxe urbá. Ás 12.30 horas, no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, terá lugar o acto académico no que, amais da lección maxistral de David Simón Lorda, ingresarán na Irmandade unha vintena de profesionais que se unirán aos máis de douscentos que xa forman parte dela, garantindo a continuidade do proceso galeguizador na sanidade pública e privada.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine