Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Axeonllado

Unha das máis sanguentas realidades do noso mundo é a violencia de xénero; esa que se manifesta especialmente nos malos tratos psíquicos, físicos e que con moita frecuencia conclúe na morte da muller a mans dese "home" (por dicir algo) que, en demasiados casos, é ou foi quen debería amala. Pero non só esta violencia ha de ser erradicada desta sociedade senón tamén esoutra, menos visible socialmente, que nace do control obsesivo que algúns exercen sobre a outra persoa e impide que a vida da parella se desenvolva con razoable e sa autonomía. E non hai xustificación posible para esta lacra que acaba coa vida de tantas mulleres.

A dignidade de cada persoa é sacra e xamais han de ser violados os seus dereitos, nin por sexo, raza, condición social ou relixión. Todos neste mundo somos iguais, ninguén é máis que ninguén e a igualdade entre homes e mulleres é algo tan obxectivo que xamais se poderá negar.

É necesario poñerse fronte a estes terroristas caseiros, sacar peito e manifestar que esta sociedade non lles pasará ningunha. Dicirlles alto e claro que son prescindibles e que calquera violencia (e máis se cabe a de casa) é inadmisible.

Quero hoxe render unha homenaxe a todas as mulleres, e moi especialmente a aquelas que sofren nos seus fogares. E desexo axenlloarme ante cada unha delas e pedirlles perdón polo gran de violencia que puiden poñer eu nesa asquerosa praia con cheiro a xofre na que viven. E así, axenlloado, pregarlles que nunca se esquezan da coraxe, a forza e a bravura que as definen.

E a ti, noivo, marido, pai, fillo que maltratas á túa noiva, esposa, filla ou nai, facendo gala do repugnante e vomitivo machismo hispánico, dicirche que es unha das células máis canceríxenas desta civilización e por alí por onde pasas deixas un rasto de podremia insoportable porque destilas un odio que só cabe no inferno.

Nai, filla, esposa, noiva? muller, en definitiva e sempre. Grazas. E que ninguén máis, nunca máis, teña que agardar á tumba para darse de conta de que elas, as mulleres, son o máis parecido á divina tenrura, agarimo e forza.

Compartir el artículo

stats