Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Esa Angola ceibe

Os medios de comunicación do Imperio, ou do que vai quedando del, non celebran que hai cuarenta anos, o 11 de Novembro de 1975, Angostinho Neto, líder do MPLA, proclamaba en Luanda a independencia de Angola. Os EE UU trataron de cortarlle o camiño aos revolucionarios patriotas. Primeiro, producindo a UPA dos irmáns Roberto, pura e simple fabricación tribal da CIA. Despois, creando un fantoche de nome Savimbi para hostilizar o verdadeiro movemento de liberación nacional. Na historia do que se chamaba Terceiro Mundo, houbo frustacións e derrotas e traicións infames, que eu personalizo no caso de Patrice Lumbumba e do Congo. Houbo victorias das que se falará en todos os séculos futuros, cal é o caso de Vietnam.

Na historia individual deste cronista non se borrará nunca o triunfo de Alxeria, aquela inmensa ledicia. Angola, en canto país ceibe e descolonizado, emerxeu no medio dunha guerra civil. Como noutros lugares, os EE UU levantaban en Africa movementos destinados a xerar dictaduras brutais que perpetuasen o colonialismo e permitisen a expoliación dos recursos. Xa independente, Angola sofriu trinta anos de guerra: contra as faccións internas e contra o exército racista de Sudáfrica. O acerto do MPLA foi chamar por Cuba, que enviou alí un exército de voluntarios internacionalistas que derrotou limpamente o orgullo de Sudáfrica.

A consecuencia foi a pacificación de Angola, certo, pero tamén a ruína do réxime indecente do "apartheid" e a posta en libertade de Nelson Mandela. Este líder, que era home agradecido, sempre proclamou que o seu pobo de alí lle debía a libertade a Cuba, e ao seu amigo Fidel Castro. Hoxe Cuba segue en Angola, pero a penas con médicos, técnicos e profesores. Un dos fenómenos políticos máis notabres do mundo actual é o do desenvolvemento económico de Angola. O sistema de mercado non permite alí un capitalismo predador e moito menos o roubo dos recursos do país por parte de estranxeiros neocolonistas. Sábeno moi ben as empresas de orixe galega, que tiveron concesión das pesquerías de Porto Alexandre e que cumpriron a obriga de formar mariñeiros angoleses nas técnicas avanzadas da pesca e conxelación.

Sexa cal sexa a opinión que nos mereza a combinación de socialismo, humanismo e propiedade privada que rexe en Angola, hoxe o país cuxo presidente é J. E. dos Santos está situado entre as potencias emerxentes que máis crecen no mundo e non forma parte dos círculos hexemonizados polos EE UU. A luita continua; todo muda.

Compartir el artículo

stats