Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Verdades delicadas (e incómodas)

Primeira verdade delicada (e incómoda): desde os armisticios de Rodas (1949), que puxeron fin á primeira das guerras habidas entre Israel e os países árabes -se é que non xa antes, desde a xeira de "Lawrence de Arabia", repasen Vdes. a historia-, a antipatía, o rancor e, finalmente, o odio do mundo islámico cara a Occidente non fixo máis que aumentar. A "Guerra do Sinaí", esoutra dos "Seis Días"; a invasión de Irak, a intervención en Afganistán... son outros tantos "lodos" dos cales -por seguirmos o vello adaxio- proveñen os actuais "lodos". En consecuencia, non son de agardar moitas manifestacións de repulsa e/ou de solidariedade coas vítimas de París nas prazas e rúas de Islamabad, Alxer, Estambul... e, xa non digamos, nesoutras de Damasco ou Bagdad. E é que en todos eses lugares teñen, a diario, mortos -demasiados mortos- propios que chorar.

Segunda verdade delicada (e incómoda): o mundo islámico creu atopar en Moscova un aliado diante da prepotencia occidental. A pesar de situados a anos luz dos preceptos contidos nas azoras do Corán, os soviéticos semellaron resultar parceiros legais: Muamar el Gadafi, Sadam Husseim, Bashar al-Asad (se, finalmente, puidesen derrocalo)...; velaí que Occidente nunca tivo -nin ten- compaixón daqueles que ousaron facerlle fronte. O gran problema, iso si, é que, unha vez eliminados os "representantes do Mal", a quen poñeren no seu lugar?

Terceira verdade delicada (e incómoda): concluída a Segunda Guerra Mundial, acontece que os países occidentais -felizmente!!- mostran náusea, repulsión... diante do sangue vertido polos seus cidadáns (poderiamos sentir, desde logo, iso mesmo diante desoutro de africanos, asiáticos...). Aqueles que nos atacan sábeno ben: se inaturables parecen as vítimas provocadas por unha catástrofe aérea ou por unha fin de semana desorbitada nas estradas..., moito menos tolerable resulta estouta traxedia dos inocentes masacrados en discotecas, estadios ou estacións de tren. Socializar a morte violenta; facer que absolutamente todos nos poidamos sentir obxectivos dela: eis o propósito do terror. De non morrermos a causa das bombas, si morrremos, en todo caso, polo medo a morrer a causa das bombas.

Cuarta verdade delicada (e incómoda): quen apreta o gatillo ou activa o dispositivo dun explosivo ten nomes e apelidos. Así mesmo, os servizos de intelixencia son capaces de determinar quen lles forneceu aos tales as bombas, os fusís..., pero tamén quen lles puxo de comer, quen lles ofreceu pousada e, desde logo, quen os foi adoutrinar. A Xidhad, o Estado Islámico -é dicir, a organización, o politburó- nin veñen ser cousa, tal e como algúns poderes e/ou autoproclamados "líderes de opinión" pretenden que creamos, "de catro marxinais analfabetos" nin teñen asento en tendas de campaña e/ou covas perdidas no medio e medio do deserto. Antes ben, o grande e moi grave problema consiste en que houbo, hai e están previstos negocios, demasiados lucrativos negocios, con moitos daqueles que os financian. De pouco/nada serven, pois, os bombardeos se, ao mesmo tempo, os nosos políticos, empresarios, banqueiros... están a sorrir, darlles a man, compartir mesa e manteis..., día tras día, cun bo número dos que realmente moven os fíos así en Abu Dhabi como en Londres ou Marbella.

Quinta verdade delicada (e incómoda): todo o anterior propicia -como acontece coas mafias e/ou os cárteles da droga- un extraordinario entramado, un nó gordiano diante do cal a mellor vontade parece naufragar. Porque non se trata apenas das bombas e das metralletas, senón dos moitos millóns que o "negocio" xera; trátase aínda dos propios límites que tal actividade lucrativa vén impoñer non só no plano policial como especialmente nesoutro, e realmente decisivo, de investigación socio-financieira. Como, cando, de que xeito, a quen... vende o Estado Islámico o seu petróleo (se que é tal cousa existe de veras)? Onde se gardan, xa que logo, os euros, dólares... rsultado de tales operacións?

Estamos -Sexta verdade delicada (e incómoda) en guerra; nunha nova e moi difícil guerra para a que non dispoñemos dunha estratexia depurada. Sen embargo, non estaría de máis que, por iso mesmo, o primeiro paso a dar fose contar a verdade e non refuxiarse, como si o están a facer nestes días, e até o vómito, certos politicastros que padecemos: nesa mistura infame de parvidade cándida -cantemos todos "A Marsellesa", da cal nunca quixeran coñecer a letra nin, moito menos, o significado; por certo, lembran Vdes. que se interpretase o Himno español por aí adiante logo do 11-M?- e mais afán de vinganza, sen importarllrd quen caia polo medio. Porque unha guerra si que se gaña coas armas: coas armas-armas, pero tamén e sobre todo con estoutras armas morais.

Verdades delicadas e incómodas.... "Unha verdade delicada" vén ser o título da última novela do xenial John Le Carré. Se non a este modestro cronista, lean Vdes. ao grande escritor británico. Perseveranza nos valores democráticos; pero tamén a luz, moita luz que nos ilumina desde as súas páxinas nestas horas amargas.

Compartir el artículo

stats