Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Malditos!

Unha máis; outra máis. E van non sei cantas; moitas, demasiadas. Estamos asistindo ao que o Papa Francisco denominou a Terceira Guerra Mundial por etapas. A ver cando nos enteramos!

Os yihadistas son terroristas, asasinos, homicidas, criminais, matadores posuídos pola esencia mesma do Satán. Todos eses que din matar en "nome de Deus" só pretenden unha cousa: tinguir de sangue e dor o mundo enteiro para impor o que a eles se lles antolle e someter todo baixo o seu dominio e poder. Deus non manda matar a ninguén, nunca, xamais. Deus é Amor; ou non é. Deus non quere a morte, e moito menos esas mortes. Ese deus do que falan non existe. Repito: ese-deus-non-existe.

Estes animais irracionais non soportan a Occidente, non soportan aos países de tradición cristiá nin soportan, por suposto, o relativismo no que vive esta sociedade. Eles mírannos coma uns infieis que non merecemos vivir. (Si, tamén ti).

Hai que dicir, alto e claro (para que nos escoiten ben), que a liberdade é sacra; a dignidade do ser humano é sacra; a vida é sacra. Foi sempre así e seguirao sendo, para sempre. A sacralidade do fundamental non depende destes pensadores nin daqueles, nin da democracia, nin da relixión, nin de cada individuo, senón que vén dado de moito máis arriba. E dicimos, alto e claro, que nunca renunciaremos ao que somos, nin á nosa historia, nin á nosa cultura, nin ás nosas tradicións, nin á nosa fe.

Malditos sexan todos os que derraman sangue humano e maldito o odio que destilan. Malditas as ideoloxías e toda doutrina que instiga á violencia e á morte. Malditos todos os que miran e remiran estas atrocidades sen facer nada por evitalas. Malditas sexan as armas que usan estes desalmados. Malditos os que permiten, e aplauden, que goberne a xentuza que os ampara. Malditos sexan!

Calquera relixión, calquera ideoloxía, calquera crenza que predique o odio non vén de Deus. E se non vén de Deus só pode vir dos máis fondos instintos do ser humano. Co cal é perigoso; o odio é moi perigoso, sempre mortal.

Malditos os que queredes facer grande a un deus inexistente a costa do sangue de tantos! E maldito señor ao que servides!

Potsdata: "Articulista" vacinado contra ese clube de neosabios (no que xa non debe quedar sitio para ninguén máis) que asegura que os cristiáns debemos calar nestes temas porque (segundo as súas superiores intelixencias e grande coñecemento de historia e socioloxía, por suposto) tamén o Papa chama á guerra, os Bispos venden armas, os misioneiros violan aos nenos, as monxas degolan aos homosexuais, os profesores de relixión instigan ao odio e, por suposto, os curas gardamos un chaleco bomba debaixo da sotana por se algún día consideramos oportuno inmolarnos en defensa da fe.

Señoras e señores: Acta est fabula!

Compartir el artículo

stats