Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nova Terra

Os chamados molles de reparación de Bouzas poden ser invadidos por entidades comercias e mesmo converterse temporalmente en obradoiros de construcción naval. O porto de Vigo élles así. En todo caso, os pesqueiros de arrastre destinados ao ferrovello ou a seren reconstruidos en Bouzas representan unha importante fonte de información sobre avalar e devalar económico da cidade.

Falan, estes barcos con nomes exóticos, da expansión dos armadores e mariñeiros e buques galegos por todos os mares do mundo. Onte sorprendeunos un arrastreiro que, na amura, levaba pintado o seu nome en alfabeto cirílico, coa transliteración latina: Novaja Zem'la. Referíase ás enormes illas árcticas que dependen administrativamente da cidade e porto ruso de Arkhangelst. A traducción galega de Novaja Zem'la ou Nova Zembla sería "Nova Terra".

Ao pensar na actual Rusia calquera pode caír na malencolía. Nunca houbo no mundo tantas guerras irregulares e secretas, penso eu. A guerra segue a ser a continuación da política, que dicía Carlos von Clausevicz. Pero, ultimamente, as leis e convencións da guerra estouparon no ar igual que fixo o avión civil ruso sobre o Sinaí. Esta guerra pode ser brutal e clandestina, pero ten a súa lóxica.

A política de Putin/Lavrov non poderá executarse sen a axuda de dous factores. Un, que os comunistas, segunda forza política de Rusia, estean de acordo. Outro, que os novos ricos rusos e as camadas medias non estean en desacordo. En consecuencia, a acción secreta do imperio norteamericano está sendo dirixida a inimizar o goberno ruso coa súa propia burguesía. E aí onde situaremos o atentado que destruiu o avión ruso, de compañía privada, que voaba ocupado por uns inocentes, adultos e nenos, de familias que viñan ou ían a Exipto atraídos polas súas aguas termais e os seus centros de lecer.

Dado que Putin captou velozmente a intención dos que queren invalidar Rusia, comenzou por negar o feito de que se trate dun atentado terrorista. Mais todo parece indicar que, en efecto, este crime de guerra foi perpretado para desestabilizar Rusia, interromper o apoio que ela lle empresta ao gobernó civilizado do doutor Asad en Siria e provocar no interior do grande país euroasiático unha reacción que o devolva aos días ominosos de Ieltsin.

Pola miña parte, eu desexo que os pesqueiros galegos sigan por moitos anos andando ao fletán nos bancos de Nova Terra ou Novaja Zem'la ou Nova Zembla. Lugares espidos que nos acordan o final do Arthur Gordon Pym, alucinado.

Compartir el artículo

stats