Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Calle Génova a perpetuidade

Inicio a columna confesando ser ignorante en materia de administración de xustiza. Atesouro, si, a experiencia de ter sido procesado, xulgado e, mesmo condenado por tribunais especiais de España: un militar, o de Orden Pública e a Audiencia Nacional. Esta é a pregunta: por que Baltasar Garzón clausuraba periódicos e ilegalizaba partidos desde o Xulgado de Orde Pública cando case non tiña idade nin experiencia para ser xuíz de primeira instancia de (digamos) Bande, que é un partido xudicial tranquilo (ao revés de Cambados). O normal debería ser que as persoas capacitadas fixeren oposicións ordinarias a xudicaturas para gañaren as prazas correspondentes nos tribunais ordinarios. A asociación dos termos "tribunais" e "ordinarios" leva en si o recoñecemento dunha anomalía.

Todos os tribunais deberían ser ordinarios e a existencia mesma de tribunais extraordinarios institucionalizados revela a febleza do Estado. Constitúe unha ofensa aos xuíces, fiscais e secretarios, que uns sexan designados, con carácter de privilexio, a tribunais especiais e outros non. Nos programas democráticos antifranquistas estaba sempre presente un punto que esixía a abolición dos tribunais especiais, que, ao tempo, eran o Xulgado e Tribunal de Orde Pública e os xulgados e tribunais militares (menos consideración crítica merecía o Tribunal de Contrabando e Defraudación, que terminou por se extinguir de seu). Por que as audiencias provinciais non se consideran aptas para xulgaren determinados casos? Dá a sensación de que o poder político non acredite idoneidade dos maxistrados ordinarios, xeralmente veteranos, e confíen, en troques, na doutros tan novos como soen ser os que prestan servizos en Génova, de Madrid, rúa que mesmo parece estar destinada desde a noite dos tempos a determinadas actividades.

O asunto das xurisdicións especiais saíu á luz da actualidade estes días cando un Xulgado da Audiencia Nacional mandou un comando da Garda Civil de Madrid a Galicia para levar detidos uns cantos compatriotas que inmediatamente foron postos en liberdade mentres que os xulgados e as audiencias provinciais de Galicia, obviamente ordinarios, ollaban o espectáculo tal vez molestos e seguramente sorprendidos. O problema radica en que os tribunais especiais son de natureza política. O Tribunal de Represión da Masonería e do Comunismo non sei se tiña a sede en Génova, pero espallou moita dor por todos os territorios dominados por Franco.

Compartir el artículo

stats