Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Docente

Oportunidade de consenso

A educación dos cidadáns é un compoñente esencial do futuro dun país, do nivel de benestar social e do papel que, como sociedade, queremos desempeñar no mundo. Este mundo cambiante no que o coñecemento aumenta con extraordinaria rapidez, obriga a unha permanente actualización. Neste contexto, a educación é un elemento fundamental da organización social, garante da igualdade de oportunidades, da liberdade e da inclusión.

As esixencias da sociedade do século XXI demandan novos retos e respostas aos sistemas educativos. Os mesmos foros e organismos europeos relacionados co mundo da educación sinalan a necesidade de seguir mellorando os resultados educativos para construír unha auténtica sociedade do coñecemento. Por todo iso, parece necesario atopar propostas de innovación educativa que dean resposta a estas demandas e fomentar actuacións para mellorar a capacitación dos docentes.

A educación de calidade require que todos os compoñentes da comunidade educativa colaboren, o que esixe a realización dun esforzo compartido por parte do alumnado, do profesorado, das familias, dos centros docentes e das Administracións educativas. Polo tanto, falar de éxito nun sistema educativo de calidade é falar de excelencia no desempeño profesional dos docentes. E dado que a excelencia da función docente constitúe unha meta a conquistar cada día, é necesario que o desenvolvemento profesional do profesorado se converta nun dos obxectivos prioritarios das estratexias para asegurar a calidade nos centros educativos.

Fai falla, en consecuencia, un compromiso claro dos responsables educativos, considerando que o exercicio da función docente conleva un proceso continuo de formación e desenvolvemento.

Se asumimos que son as persoas as que fan posible o éxito das organizacións, cabería esperar que as administracións, neste caso a educativa, poñan o máximo esforzo e coidado nos procedementos para seleccionar, formar, asignar tarefas, avaliar e promocionar o persoal que desenvolve a función docente.

Cómpre, ademais, que neste desenvolvemento profesional docente haxa posibilidades de mellora e que haxa un recoñecemento positivo e social ao bo profesorado, ao que intenta día a día facer mellor o seu traballo. E ese recoñecemento pode ser tanto de índole económica coma de progreso na carreira; incentivos que poderían converterse nun importante estímulo para o mérito no seu desempeño profesional, como xa se vén contemplando noutros países. Non podemos esquecer que a motivación do profesorado é un elemento básico de satisfacción e de mellora continua.

Mais este desenvolvemento profesional docente pode e debe ser avaliado, e esa avaliación ten que formar parte da avaliación do centro no que o profesional desenvolve o seu labor educativo, contribuíndo, deste xeito, á súa implicación no proxecto educativo do centro. Pero esta avaliación debe ser froito dun acordo, dun consenso, entre os axentes implicados e contar, ademais, co apoio maioritario de quen é obxecto de avaliación.

Hoxe sabemos que as propostas exitosas en materia de avaliación docente souberon conciliar o interese pola mellora da calidade da educación coas esixencias dunha xestión eficaz da docencia, así como cos lexítimos dereitos dos profesionais da educación. En consecuencia, se conseguimos que a avaliación docente actúe como un mecanismo eficaz, retroalimentando o docente e a súa tarefa de ensinar, transformarase nun recurso importante para o desenvolvemento profesional docente, contribuíndo á mellora da súa práctica educativa.

Na promoción do profesorado na súa carreira profesional, o recoñecemento ao desenvolvemento profesional xa se vén aplicando dende hai tempo. Para acceder a algúns dos postos valóranse determinados desempeños profesionais, tendo que ser avaliado o profesorado por unha comisión, tribunal ou servizo. Pero o máis frecuente é o que se produce a nivel de centro ou de equipo de profesorado que participa nun proxecto e que, como froito desa participación, pode recibir un recoñecemento (certificación) e/ou unha contía económica.

Polo tanto, ante o debate que se está a xerar en torno ao proxecto de Libro Blanco da Educación con relación á avaliación dos docentes e a súa vinculación coa retribución económica, sería positivo para a calidade educativa que a Administración incluíse a avaliación do desenvolvemento profesional docente nun programa de actuación máis amplo, consensuado con toda a comunidade educativa e dirixido a incentivar a mellora profesional no desempeño das súas funcións. Esta carreira profesional docente, vinculada á calidade e compromiso do desenvolvemento profesional, conduciría a un estímulo permanente de mellora para a totalidade do profesorado, moi semellante ao que acontece noutras profesións.

Compartir el artículo

stats