Ao longo da historia, a relevancia da muller en Sabucedo e en consecuencia na Rapa das Bestas, non foi allea ao caracter matriarcal da sociedade galega. Así, dende ben cedo, xa a muller aparece como unha figura principal no desenvolvemento da tradición, posto que, como é ben coñecido, na orixe mítica e relixiosa da festa son figuras fundamentais dúas irmás, as coñecidas como "As Vellas". Deste xeito, segundo a lenda primixenia da Rapa das Bestas, foron elas as que ceibaron nos montes de Montouto unhas eguas como ofrenda a San Lourenzo en agradecemento ao patrono de Sabucedo por telas salvado da peste, as cales terían proliferado ate constituir a "Eguada do Santo" que hoxe habita os nosos montes. Así pódese afirmar que si Roma ten dous pais mitolóxicos: os irmáns Rómulo e Remo, a Rapa das Bestas de Sabucedo ten dúas nais lendarias das que, a parte da tradición oral, se conservan, grazas a unha prospección arqueolóxica, os vestixios da que fora a súa vivenda, "A Casa das Vellas", lugar de obrigada visita para todo bo amante da nosa tradición.

Xa centos de anos despois, un momento importante na evolución do papel da muller en Sabucedo foi a incorporación como mestre do lugar, a principios do século XX, de Francisco Regueiro Moreira. Este polífacético persoeiro, constructor tamén da edificación hidráulica multifuncional (aserradoiro, forno e muíño) chamada a "Serra do Mestre" que se pode visitar na Ruta de Sabucedo, trouxo consigo á escola as teorías e técnicas da "Institución Libre da Enseñanza", o que dou como froito varias xeracións de mulleres moi cultivadas cuxa tradición chega ata os nosos días. Así por exemplo Sabucedo, unha pequena aldea si a miramos dende un punto de vista estrictamente demográfico, foi capaz de "producir" dende aquela mais de vinte mestras, as cales colaboran coa súa experiencia, sapiencia e entusiasmo nas mais diversas labores que realiza a Asociación Rapa das Bestas.

Outra mostra do caracter emprendedor da muller en Sabucedo aconteceu durante a Guerra Civil, época na que moitos veciños de Sabucedo foran chamados a filas, polo que tiveron que ser as mulleres que quedaban na aldea as que se encargaron de organizar a Rapa das Bestas durante os anos que durou a contenda bélica. Deste xeito tivemos o exemplo de Palmira, unha das moitas que colaboraron coa organización da festa naqueles escuros anos, e cuxa testemuña puido recentementee ser documentada para a posteridade.

Mais adiante, a medida que avanzaba o pasado século, a muller foi cada vez mais participando en diversas actividades relacionadas coa tradición como ir ao monte, participar na "A Baixa", así como en tarefas da organización da festa, ate que xa coa chegada da democracia apareceron as aloitadoras como algo normal e habitual no Curro. Así por exemplo foi Susi Tafalla, moza da veciña parroquia de Codeseda, unha das primeiras que tivo un eco mediatico pola súa destreza na arte de aloitar. Xa no século XXI continuaron esta tradición aloitadora unha serie de magníficas rapazas que son motivo de especial orgullo para as veciñas e veciños de Sabucedo.

Finalmente as mulleres tamén se foron incorporando ás labores de dirección da Asociación Rapa das Bestas, existindo na actualidade unha paridade total nos cargos directivos da asociación, de xeito que Tesoureira e Secretaria comparten este órgano colexiado con Presidente e Vicepresidente.

*Membro da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.