Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Federal e republicana

"A independencia absoluta dos pobos era natural cando cada un producía o que os seus habitantes necesitaban; pero esta independencia é imposible cando as necesidades dos seus homes desbordan a decotío os lindeiros da súa nación (...) A nós non nos custa traballo separar o concepto de nación do concepto de Estado e, para cortar o embrullo advogadesco, dicimos de antemán que somos unionistas e que non pretendemos organizar a nación galega en Estado independente."

Con certeza, han de ser bastantes/moitos de entre os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais, aqueles que coñezan quen vén ser o autor de semellantes palabras.En efecto: trátase de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, e o texto que vimos de reproducir figura nas páxinas de Sempre en Galiza. Por se fose pouco, engadiu o profesor Ricardo Carballo Calero, Escritos sobre Castelao, que "Nunca, nin en privado -á diferenza de Risco- lle teño ouvido propugnar un Estado independente para Galiza." Quen saiba ler, que lea.

Castelao "españolista", xa que logo? Non; Castelao hespañol -con h, si-: o que vén significar "Castelao decidido defensor da unidade de Hespaña como república federal", que non doutra especie ningunha. Se me permiten Vdes. declaralo, este modesto cronista tamén.

Pregúntase as boas xentes por qué acontece que nesta España -sen h- que habitamos, e no que vai de século XXI, aumentaron -e continúan a facelo- as desigualdades de oportunidades entre os seus moradores non só en relación ás diverexencias socio-economómicas, senón así mesmo respecto á localización territorial. Trátase de desaxustes, desarranxos, escordaduras... que afectan a ben diversos ámbitos e que producen mesmo situacións tan chocalleiras como irritantes: velai, por exemplo, alumnos universitarios aos que se lles nega a convalidación de materias dunha carreira polo simple feito de non coincidiren exactamente os etiquetados das mesmas; ou enfermos crónicos que, malia dispoñeren dun cartón de desprazado, non poden visitar os médicos especialistas e, de aí a imposibilidade de conseguiren as necesarias receitas; en fin, diverxencias aínda de máis de 150.000 euros no tocante ao imposto de sucecións segundo o lugar onde Vde. resultase ser o beneficionario dunha herdanza.

Sanidade, educación e protección social; isto é, os tres piares dun estado social e democrático deveñen así cada vez máis dispares segundo as diferentes comunidades que conforman o Estado español. Desde o ano 2002, a fenda non fixo máis que aumentar até devir case un 20% máis ampla. Apenas un dato: no ano 2013, Asturias gastou 1714 euros per cápita; isto é, un 29% máis que Cataluña; un 34% arriba de Baleares e un 45% superior a Andalucía -apenas 532 euros per cápita-, que veu ser a pechacancelas.

A resposta a semellante desorde vén ser, porén, ben doada: acontecen tales eivas porque o Estado español das Autonomías veuse transformar, en realidade e desde xa hai demasiado tempo, no Estado español neoliberal das Autonomías ou, mesmo decididamente, no Estado Catatónico Nihilista que padecemos. Unha forma a declarar/xustificar, tal é o caso, a necesidade de que os hospitais públicos galegos se privaticen; que os modernos sistemas de transporte eludan o noso país; que mirren ainda cotas lácteas pesqueiras ou que se veña reducir a oferta educativo-cultural: simplemente, tales gastos/investimentos non resultan rendibles. Iso si: non rendibles para tal xeito de pseudoestado e sobre todo para o seu amo e señor, D. Ibex 35 del Gran Poder y de Todos los Santos.

Desde as bancadas do palacio do Parc de la Ciutadella, as dereitas locais andan a venderlle ás mesocracias catalás aquilo de que "España nos rouba", despregando bandeiras de independencia burguesa. Diante do desafío, o Estado Catatónico Nihilista español aparenta resucitar e eis que vellos e novos servidores -esa neo UpyD disfrazada de laranxa, tan aseada como insipida, e que atende por Ciudadanos- procuran a Gran Coalición Salvadora das Esencias. Traducido: seica toda a culpa vén ser das autonomías; nunca xamais do feito de que estas anden a (mal) vender -como fai o propio Estado!- o patrimonio común dos españois.

Federal e republicana. Se en Hespaña aínda existe a esquerda -que si que existe!-; se aínda quedan aquí -que si que quedan!- xentes a considerar que a igualdade real de oportunidades e mais o exercicio das liberdades cívicas, idiomáticas, culturais... non precisan de novos muros e fronteiras; ben polo contrario, han de atinxir a súa plena dimensión na fraternidade dos pobos...; se habitan entre nós -que si que habitan!- herdeiros do mellor pensamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, esta ha de ser a hora de xuntar esforzos. Perante a indolencia que só parece agardar o RIP: os uns, afortunados, na súa propiedade horizontal; ous outros apenas en horizontal; diante do egoísmo arredista, é tempo de alicerzar os piares dun Estado tan forte como verdadeiramente democrático: un Estado hespañol e federal e republicano. Dinamarca, Grecia...? Non hai necesidade de iren tan loxe: D. Pedro Sánchez, D. Pablo Iglesias, D. X.M. Beiras... tutti quanti si que deberían de inmediato volveren a ollada cara a Poñente: xusto alí onde comeza Portugal.

Compartir el artículo

stats